Festa dos Maios en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Na década dos cincuenta do pasado século, Enrique Gómez Pato percorría as rúas de Verín con efémeras esculturas de madeira recubertas de plantas silvestres. O carón ou agochado no interior, el e os seus acompañantes cantaban e espallaban unhas coplas que a veciñanza agardaba pola súa creatividade e crítica. Na súa lembranza e para que se manteña esta manifestación da nosa cultura popular, o Concello de Verín organiza unha concentración de maios artísticos, tradicionais e humanos, que se rexerá polas seguintes

BASES:

1ª.- Nesta concentración non competitiva poderán inscribirse, no Concello de Verín antes do 25 de abril, centros de ensino da comarca de Verín, institucións e asociacións culturais e sociais,que estean rexistradas e que mantiveran actividades públicas despois da Festa dos Maios do 2014.

2ª.- Os maios participantes colocaranse entre as 10h00 e as 14h00 do día 1 de maio no Parque da Alameda nos lugares que o sorteo determine e permanecerán nesa posición até que a organización conclúa o acto.

3ª.- Os maios que se presenten á concentración poderán ser artísticos ou enxebres, e terán que presentar no exterior na súa totalidade elementos naturais, como xestas, carrabouxos, flores, madeiras, pedras, etc.

4ª.- Como axuda para as custas de montaxe, a cada asociación que concorra á concentración e cumpra os requisitos mínimos fixados nestas bases entregaráselle unha cantidade de 200 € en coplas sen cargo. Como excepción, aos centros de ensino, polas características específicas das comunidades educativas, entregaráselle unha cantidade en metálico de 175 € e 25 coplas sen cargo.

5ª.- As coplas serán elaboradas por todos participantes, segundo as directrices seguintes:

A.- A copla seguirá na redacciónunha orde temática, non terá menos de 16 estrofas de catro versos nin máis das que, nunha tipografía lexíbel, se poidan reproducir nun DIN A4 impreso a unha cara.

B.- O texto entregarase dixitalizado na Casa do Concello antes das 12h00 do luns día 27 de abril.

C.- Os redactores responsabilizaranse da autoría do texto. O Concello, que non realizará ningunha revisión do texto previa á impresión, aconsella que se coide tanto a estrutura literaria como a corrección idiomática.

D.- O texto, do que se fará unha edición única e conxunta de todos os participantes, será vendido ao prezo de 1 €, e tratará de cubrir obxectivos culturais e sociais. Para a tratar de obter os fins sociais, á Cruz Vermella entregaránselle 600 exemplares para vender e dedicar a cantidade obtida a programas asistenciais na comarca de Verín.

6ª.-A interpretación destas Bases, a admisión de inscritos e as decisións sobre calquera extremo non regulamentado son un dereito exclusivo do Concello de Verín.

14 de abril de 2015 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.