Ferrol renova o convenio de colaboración para a acollida de cativos saharauís durante o verán

Sinatura do convenio
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, renovou esta mañá o convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que permitirá que nenos e nenas procedentes do campamento de refuxiados de Tinduf (Alxeria) pasen este verán con familias de acollida ferrolás. A achega municipal a esta nova edición do programa “Vacacións en Paz” ascende a 10.500 euros. No acto da firma deste acordo de colaboración, participou a presidenta da asociación de axuda aos saharauís, Maite Isla Avión; e a concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martinez Beceiro.
Rey Varela manifestou a súa satisfacción pola renovación deste convenio “que nos permite amosar a solidariedade dos ferroláns con esta boa causa”, ao tempo que valorou a participación desinteresada das familias de acollida da cidade. Nesta liña, o primeiro edil da cidade apuntou que en tempos de dificultade “a solidariedade ten que seguir ahí e para iniciativas como estas as administracións sempre debemos ter recursos”. Así mesmo, o rexedor municipal destacou a especial vulnerabilidade dos menores e amosou a satisfacción que supón “recibílos todos os anos en verán e ao despedílos ver como gozaron da aprendizaxe e o descubrimento de cousas que non coñecían ou ás que non teñen acceso nos campamentos”. Rey Varela tamén considerou que convenios como o rubricado esta mañá “están por enriba das dificultades e dende a Administración pública podemos axudar para que as persoas teñan máis igualdade e liberdade”.
Pola súa parte, a presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla Avión, salientou en primeiro lugar o esforzo do Concello de Ferrol para seguir colaborando no programa Vacacións en Paz, “un apoio que mantén por riba das actuais dificultades económicas, o que agradecemos aínda máis”, manifestou. Maite Isla explicou que os nenos e nenas saharauís beneficiarios deste programa poden pasar un verán en paz afastados dos campamentos onde as temperaturas alcanzan na tempada estival os 50 graos centígrados; ao tempo que recalcou que o prazo de solicitude para acoller aos menores durante o verán amplíase até o vindeiro 30 de abril. Neste senso, o presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí sinalou que até o día de hoxe serán 10 ou 12 os menores que pasarán os meses de xullo e agosto en Ferrol; e fixo un chamamento a que máis familias se apunten a acoller nenos/as saharauís porque “cantos máis podan pasar o verán fora dos campamentos de rexufiados, mellor”.











