Ferrol recorda ás vítimas por violencia de xénero prantando rosas
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Igualdade e Xuventude, celebrou esta mañá un acto institucional contra a violencia de xénero para lembrar ás 7 mulleres vítimas desta lacra social dos últimos tres meses e, ao mesmo tempo, condenar os malos tratos contra a muller. A concelleira de Igualdade e Xuventude, Verónica Casal Míguez, e representantes dos grupos municipais participaron nesta cerimonia que tivo como escenarios os xardíns do parque municipal Raíña Sofía e a praza de Armas, diante da Casa Consistorial. No acto contra a violencia tamén participaron alumnos e alumnas do Colexio Tirso de Molina.
Os escolares deste centro de ensino foron os encargados de realizar a plantación de rosais nos xardíns do Raíña Sofía. Plantaron unha rosa en recordo de cada unha das mulleres falecidas nos últimos tres meses vítimas da violencia de xénero. A continuación, este alumnado entregou lazos brancos, símbolo da loita contra a violencia de xénero. E por último, ás 12:00 horas leron diante do Pazo Municipal un Manifesto contra a violencia de xénero, que deu paso a un minuto de silencio polas mulleres vítimas da violencia. A edil Verónica Casal clausurou os actos en repulsa da violencia de xénero coa entregar dunha distinción en recoñecemento á colaboración e participación ao colexio Tirso de Molina.
Ademais, colocouse no balcón principal do Consistorio ferrolán unha pancarta instando á cidadanía a sumarse contra os malos tratos e recordando que fronte a violencia, tolerancia cero.











