Ferrol aproba a mellora das bases que rexen as axudas para o bonotaxi de persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol aprobou esta mañá as novas bases reguladoras das axudas económicas para o servizo de bono-taxi para persoas con mobilidade reducida. A Xunta de Goberno Local, celebrada hoxe no Consistorial ferrolán, deu luz verde ao novo documento que rexerá as achegas e que permite principalmente dúas melloras: o incremento da contía económica e o número de bonos a percibir polos beneficiarios.

Esta prestación municipal destinada a axuda económica para o transporte en taxi está dirixida a aquelas persoas que teñen unha discapacidade recoñecida e que lles supón unha dificultade o uso do transporte público. Maioritariamente, os beneficiarios destas achegas son usuarios do Centro de Atención de Persoas con Discapacidade Física (CAMF) e persoas da terceira idade da residencia de Caranza.

A primeira das melloras que recolle as novas bases reguladores das axudas aos transporte en taxi de persoas con discapacidade é o incremento da contía que se financia por viaxe, pasando dos 4 aos 5 euros. Así mesmo, a segunda das melloras suporá o aumento do número máximo de bonos mensuais que poderá percibir o beneficiario, que agora o tope estará establecido en 8 bonos ao mes cando antes era de 6.

O número de bonos concecidos estará en función da capacidade económica da persoa solicitante, polo que as persoas con menos recursos económicos serán as que máis bonos reciban. Así, a baremación que rexerá a concesión das achegas é a seguinte:

Ingresos da unidade familiar

Número de bonos / anuais

Até o 100% do IPREM

96

Máis do 100% até o 150% do IPREM

72

Até o 200% do IPREM

50

Requisitos e prazos

Así as cousas, as axudas económicas para o transporte en taxi de persoas con discapacidade xa se poden solicitar e o prazo está aberto durante todo o ano. Deberánse formalizar a través do Rexistro Xeral do Concello de Ferrol. A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, salientou que debido a esta mellora das bases reguladoras as persoas que xa teñen concedida esta prestación municipal disporán de tres meses para presentar a documentación para a revisión da súa situación.

Algúns dos requisitos para ser beneficiario destas achegas son: padecer unha discapacidade que afecte gravemente á mobilidade, encontrándose imposibilitado para a utilización dos transportes públicos colectivos; estar empadroado no Concello de Ferrol cunha antigüidade de alomenos seis meses; ser maior de idade; contar cuns ingresos familiares que non superen o 200% o IPREM; ou non ter dereito a este servizo a través de ISFAS, MUFACE ou outra entidade.

13 de abril de 2015 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.