Fernando Echávarri volverá competir e prepárase para Río 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Despois de adestrar diversos equipos internacionais, o regatista Fernando Echávarri leva cinco meses preparándose, xunto á canaria Tara Pacheco, na clase olímpica Nacra 17.  O seu obxectivo é “estar en Río 2016 e manterse entre os mellores”, aínda que destacou que, polo de agora, conta co “único patrocinio da Deputación de Pontevedra, sen a cal non sería posible isto”.

Con esta nova axuda da Deputación Fernando Echávarri poderá sufragar a compra dun xogo de velas e un mastro para a embarcación coa que están a competir polo momento, un barco mixto do que dispoñen, segundo puxo de manifesto, “grazas á colaboración da Deputación, e co que estamos acadando resultados dentro da liña esperada”, uns resultados que, ademais, lle deixan “moi boas sensacións no seu camiño para estar na cita de Río en 2016”. 

Echávarri e Pacheco quedaron a un paso de participar na última xornada do prestixioso trofeo Princesa Sofía, no que finalmente acabaron na décimo primeira posición; recentemente, en Miami, si conseguiron meterse entre os dez mellores, tanto na 2015 North American, onde foron quintos, coma na Miami World Cup, que remataron en noveno lugar.

Fernando Echávarri, dobre campión mundial e campión olímpico en Pequín 2008 (xunto ó galego Antón Paz, na categoría Tornado), é consciente da difícil tarefa que ten por diante, pero asegura que conta con “moitas opcións de chegar á cita olímpica con posibilidades de conseguir un diploma ou medalla”. 

Se ben o regatista asegurou que, máis alá desa cita olímpica, o seu obxectivo é volver manterse entre os mellores da vela internacional, para logralo e  poder competir nas mellores condicións “necesitamos outro barco”, unha petición que a deputada Begoña Estévez se comprometeu a estudar e apoiar.

Na súa preparación para estar en Río o seguinte obxectivo de Fernando Echávarri é a Copa do Mundo de Hyères, que se desenvolverá a finais deste mes en Francia.

7 de abril de 2015 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.