Fene logra a cesión gratuíta dos terreos onde se asenta o CEIP da Xunqueira e o pavillón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

A curto prazo e tras as xestións realizadas dende o ano 2013 polo actual goberno municipal que dirixe Gumersindo Galego, o Concello pasará a ser titular dos terreos nos que se empraza tanto o CEIP A Xunqueira, coa súa área deportiva e xardín; o pavillón polideportivo municipal, e o parque infantil próximos, todos eles na parroquia de San Valentín. Na práctica, o alcalde explica que o Concello xa non necesitará solicitar á Demarcación de Costas permiso nin obter o seu visto bo para realizar calquer tipo de obra, xestión ou trámite. Como por exemplo, reparacións no centro educativo, instalar unha carpa para un evento ou acometer melloras nas infraestructuras municipais.

Gumersindo Galego sinalou que ata o momento os citados terreos pertencían a Costas e que no seu día incluso o colexio se levantou sen a súa autorización. Dende hai dous anos, o Concello traballa para revertir esta situación e xa en setembro de 2013 o Concello solicitaba de Costas a desafectación dos terreos.

Despois de diversos intercambios de información e trámites, en marzo deste ano Costas requería do Concello un último paso: a aprobación dunha proposta que o goberno municipal levou a pleno a pasada semana sobre a delimitación do tramo a desafectar. Unha proposta que saía adiante cos votos favorables do PP e a abstención dos restantes grupos e que tamén establecía o compromiso da corporación municipal de manter os usos públicos das instalacións citadas. Agora, o seguinte paso será a inclusión destes terreos, que o Concello vén de lograr gratuitamente, no inventario municipal.

13 de abril de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.