publicidade hoxe

Fene conmemora o Día do Libro con contacontos, recital poético e obradoiro de fotografía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá que o Concello de Fene conmemorará o Día do Libro cunha completa programación de actividades que inclúe contacontos infantil, recital poético e un obradoiro de fotografía. Así mesmo, a edil sinalou que este xoves, 23 de abril, a Biblioteca Municipal tomará parte na Feira do Libro de Ferrol cun posto no que amosará parte do fondo local –publicacións editadas polo propio Concello, sobre Fene e os seus autores-, ao tempo que informará dos servizos e actividades do centro de lectura municipal. O stand estará aberto ao público de 10 a 14 e de 17 a 21 horas.

Así mesmo, e no marco da citada programación, Rocío Bértoa invitou aos máis pequenos da casa a asistir este mércores, 22 de abril, a unha sesión de contacontos moi especial na Biblioteca Municipal. Principiará ás 18 horas, e correrá a cargo da actriz, dramaturga, contacontos e fotógrafa Soledad Felloza. Ofrecerá a súa narración “Pura palabra”, pensada especialmente para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade.

A palabra dita é, en si, un universo de sons, cores, aromas e sensacións e Soledad Felloza percorre o mundo enteiro coa única maleta que pasa por todas as fronteiras: a das palabras. Cunha palabra se pode dar a volta ao mundo e a narradora invitará a nenos e nenas a comprobalo. A entrada é de balde e forma parte do programa “Ler conta moito”, que promove a Xunta.

Ao día seguinte, xoves 23, a Biblioteca acollerá un recital poético a cargo de autores da localidade. Estes son: José Luis Salamanca; Mariola Hermida; Matilde Castro; Aurora Varela; Andrés C. M. Riveira; Cristina Fernández Sáinz de la Maza e Juan Manuel Álvarez Romero. Principiará ás 20 horas e a entrada é libre. A actividade conta coa colaboración de Vampiro de Libros Editorial.

Completando a programación, o luns 27 de abril, entre as 16 e as 18 horas, a Biblioteca acollerá un obradoiro de “Fotografía e Mixed Media”, dirixido por Ana Amado. Está pensado para nenos e nenas de entre cinco e once anos e a participación é gratuíta. Iso si, as prazas son limitadas, polo que se require de inscripción previa na propia Biblioteca.

20 de abril de 2015 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.