Faladoiro con Ses dentro do programa de Normalización “Cántamo en galego!”
A Concellaría de Normalización Lingüística organiza esta tarde, a partir das 19.30 horas, un encontro con Sés dentro do proxecto Cántamo en Galego!, que desenvolve conxuntamente con Onda Cero Radio.
Cántamo en Galego é un novo espazo musical radiofónico no que cada luns, durante o programa Pontevedra na Onda, danse a coñecer todas as novidades da produción musical en galego: discos, concertos, certames, festivais, eventos… Nos faladoiros do Cántamo en Galego! no Local de Música participaron artistas tan recoñecidos como Mónica de Nut ou Davide Salvado.
No encontro desta tarde a xornalista Susana Pedreira entrevistará a Sés, que vén de sacar o seu novo disco: Tronzar os valos. A seguir, haberá oportunidade para que o público que asista ao acto faga as súas preguntas e, ao remate do faladoiro, Sés porá en escena algún dos seus temas. A artista coruñesa tamén presentará en Pontevedra o seu disco cun concerto o vindeiro 24 de abril no Teatro Principal.











