Expertos en turismo de saúde de España e Portugal reúnense para concretar as accións de Termatalia 2015

Reunión Termatalia
Unha vintena de expertos en turismo de saúde procedentes de varios puntos de España e Portugal reuníronse esta mañá en Expourense para detallar as accións profesionais que se desenvolverán na 15ª edición de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que se celebrará en Ourense entre o 24 e o 26 de setembro de 2015. Esta cita reforzará o seu carácter profesional e formativo programando unha serie de accións que consolidarán o papel desta cita como centro de capacitación termal a nivel mundial. A presenza de Galicia e da cidade de Ourense en Termatalia Arxentina 2014 contribuíu ao seu posicionamento como destino para a capacitación de profesionais no sector. A participación de empresas de consultoría, formación, equipamento e investigación da comunidade, ademais da propia presenza do Campus da auga da Universidade de Vigo, converteron a Termatalia, Galicia e Ourense espazos de referencia á hora de formarse profesionalmente neste campo.
Entre as accións profesionais da próxima edición, destaca a celebración, de forma paralela á feira, do 1º Congreso Internacional sobre a auga “Termalismo e Calidade de vida”, organizado pola Universidade de Vigo, a través do Campus da auga, e no que tamén participan o Concello de Ourense, a Deputación Provincial de Ourense e Expourense. Este congreso celebrarase no recinto feiral e comezará un día antes, o 23 de setembro.
Ademais deste congreso, organizaranse outras accións formativas complementarias nas que poderán participar as delegacións de profesionais que visiten Termatalia e que inclúe formación especializada con certificación académica e a realización de prácticas en centros termais de Galicia. As perspectivas para a próxima edición son boas e países como Arxentina, México, Colombia, Costa Rica ou Ecuador, entre outros, xa confirmaron a súa presenza. Ademais, a celebración da feira en Ourense permitirá aos visitantes coñecer, nun radio de aproximado de 100 quilómetros, distintos tipos de centros termais, de talasoterapia e spa, tanto de Galicia como de Portugal.
Durante esta reunión tamén se presentou a participación de Arxentina como país invitado que presentará os seus recursos termais ante profesionais dunha trintena de países. Ademais, incidiuse na alimentación saudable relacionada co termalismo como un dos temas que se tratarán en xornadas, seminarios e que será visible na propia feira.
Comité asesor
O comité asesor de Termatalia é a entidade que aglutina aos principais axentes do sector, públicos e privados, de toda a Península (tamén con representación europea e latinoamericana) e que porán en marcha as distintas accións de negocio como a bolsa de contratación turística, as roldas de negocios entre provedores e distribuidores, o Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo, a Cata Internacional de Augas, o fam trip con axencias de viaxes de toda a península ou a misión de prensa especializada, entre outros.
Na reunión de hoxe participaron o director de Competitividade da Axencia de Turismo de Galicia, José Luís Maestro, o concelleiro de Termalismo de Ourense, José Ángel Vázquez Barqueiro; o xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez; o director da Escola Profesional de Hidrología Médica da Universidade Complutense, Francisco Maraver; a presidenta da Sociedade Galega de Talasoterapia, Lourdes Mourelle; o xerente de Gala Termal, Antonio Freire; o representante de Balnearios de Galicia e do Grupo Caldaria, Rafael Luaña; o director xeral do Grupo Costas Galicia, Jesús Ares; o representante da Federación Española de Axencias de Viaxes, José Luís López; os profesores da Facultade de CC. Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, José Antonio Fraiz e Elisa Alén; o director da Associaçao dos Empresarios Turísticos do Douro e Tras Móntesvos, Alberto Tapada; o vicepresidente da Asociación de Hospitais privados de Galicia, Ignacio Vidal e os representantes da Asociación de Novos Empresarios de Ourense, José Manuel Regueiro e do Polígono Virtual de Galicia, José Luís Rodríguez e Analén González.
Termatalia ratificou a consideración de “Feira Comercial Internacional”, segundo a resolución da Secretaria de Estado de Comercio do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España, publicada no Boletín Oficial do Estado (29/12/2014). A Feira Internacional de Turismo Termal, de Saúde e Benestar, vén contando con este selo de Internacionalidade desde o ano 2005, co que se cumpre o décimo aniversario do carácter mundial da feira.











