Ethel Vázquez salienta a importancia da participacion social para lograr unha protección efectiva das paisaxes galegas

Ethel Vázquez en Oleiros
A conselleira de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez Mourelle, salientou esta mañá a importancia do consenso e a participación social para lograr unha protección efectiva das paisaxes galegas. Así o manifestou na inauguración do Workshop internacional Joao Nunes. Paisaxes de Costa: Dinámica e Multifuncionalidade, organizado pola Escola Galega da Paisaxe e a Fundación Juana de Vega.
Na súa intervención, Vázquez Mourelle avogou por facer da nova Lei do solo en tramitación e do Atlas das Paisaxes de Galicia, que se está elaborar, instrumentos primordiais para a conservación e coidado do territorio como “activos ambientias, patrimoniais e económicos de Galicia”.
Afirmou que cómpren instrumentos de planificación específicos nesta materia que sexan froito do consenso e da participación, e explicou que por ese motivo a Xunta está a avanzar na Estratexia da Paisaxe Galega, co obxectivo de dotar de coherencia e valor toda a normativa que inflúe no territorio. Trátase, explicou a conselleira, de avanzar en tres eixes: identificar e caracterizar os valores e as potencialidades da paisaxe de Galicia para a súa xestión e preservación; impulsar a integración e a consideración da paisaxe en todas as políticas territoriais e sectoriais e avanzar na formación técnica e profesional, xunto cunha maior concienciación social.
Vázquez Mourelle apelou á participación dos expertos para que contribúan a “construír un territorio atractivo”, a mellorar os documentos de planificación e a acadar a maior sensibilización social no que á paisaxe e á protección do medio se refire.
Por último, a conselleira destacou que a paisaxe amosa a identidade dunha sociedade, o pasado e o presente, polo que é preciso a implicación de toda a sociedade para o seu coidado.











