Estudantes coruñeses implícanse na innovación do sector comercial na iniciativa “Comercio con Talento”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe aos alumnos do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña a nova iniciativa da Xunta Comercio con talento, que ten por obxectivo impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial, ao tempo que se promove o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.

Tal e como se salientou na xornada, na que participou tamén a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, a iniciativa, que se está a desenvolver en centros de toda Galicia, vai dirixida ao alumnado do ciclo formativo de grao medio de Comercio e ao de grado superior de Xestión comercial e marketing. Os estudantes dos centros participantes, que traballarán en grupos de catro persoas, deberán propoñer antes do 5 de xuño a candidatura do comercio que, ao seu xuízo, sexa o máis innovador da súa cidade, seguindo determinados criterios. Na Coruña, ademais do IES Ramón Menéndez Pidal, participarán o CPR Fogar de Santa Margarida e o CPR Nebrija Torre de Hércules.

Explicou Vázquez Abeal que un xurado especializado escollerá ao negocio gañador en cada localidade, e os alumnos que propuxeran a súa candidatura recibirán premios para mercar no comercio local. Posteriormente, cada establecemento elixido recibirá un recoñecemento público, e participará en diferentes iniciativas que se poñerán en marcha para difundir boas prácticas no sector comercial, que na xornada informativa de hoxe estivo representado polo presidente da Federación Provincial de Comercio da Coruña, Miguel Agromayor, e o presidente do CCA Distrito Mallos, José Salgado.

A iniciativa Comercio con talento, que conta coa colaboración de Abanca e na que está previsto que participen máis de 700 alumnos de 16 localidades diferentes de toda Galicia, compleméntase cun concurso de fotografía que se desenvolve no portal do comerciante (portaldocomerciante.xunta.es) co que se convida á cidadanía a reflexionar sobre o talento nos establecementos, en eidos como o escaparatismo, a selección de produtos á venda ou o packaging. Poderán enviarse fotografías ata o vindeiro 31 de maio, e a publicación das mesmas e as votacións por parte do público serán no mes de xuño. Os seis primeiros clasificados recibirán tamén premios para mercar no comercio local.

17 de abril de 2015 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.