Ence entrou en beneficios durante o primeiro trimestre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Europa Press

Ence obtivo un beneficio neto de 9,7 millóns de euros no primeiro trimestre, fronte ás perdas de 14,8 millóns do mesmo período de 2014, grazas ás medidas de aforro implantadas, así como a redución dos custos de produción, o aumento dos prezos da celulosa e a favorable evolución do dólar para a compañía, segundo informou a empresa.

Entre xaneiro e marzo a compañía multiplicou por catro o seu resultado bruto de explotación (Ebitda), ao elevarse a 34,4 millóns de euros, un 308% superior ao do mesmo período de 2014 e un 66% por enriba do cuarto trimestre de 2014. O Ebitda anualizado supera así os 150 millóns de euros, que era o obxectivo marcado pola compañía para 2016.

Os resultados rexistrados por Ence no primeiro trimestre de 2015 confirman así a recuperación da compañía e a súa volta aos beneficios, tras a reestruturación levada a cabo para facer fronte ás perdas provocadas pola reforma eléctrica.

En Galicia, coñécense nun momento no que volve estar candente o debate sobre a súa situación na ría de Pontevedra, tras aseverar o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, este mesmo mércores, que sacar a planta de Lourizán suporía o seu “peche”.

Tamén este martes, o presidente de Ence, Juan Luis Arregui, afirmou na xunta xeral de accionistas da compañía en Madrid que a empresa “non vai defraudar a Pontevedra”.

RESULTADOS

O fluxo de caixa xerado polas operacións situouse en 26 millóns de euros. No primeiro trimestre produciuse un aumento nos niveis de efectivo de 14 millóns de euros, ata situar a tesouraría en 97 millóns, incluíndo os investimentos financeiros.

En termos de liquidez adicional, a compañía dispón dunha liña de crédito cun límite de 90 millóns de euros que ao final do período se achaba totalmente dispoñible.

A finais do trimestre, a débeda financeira neta con recurso situouse en 159 millóns de euros, un 10% menos que no cuarto trimestre de 2014 grazas á positiva xeración de caixa no primeiro trimestre.

Ignacio de Colmenares, vicepresidente e conselleiro delegado de Ence, manifestou que “os datos do comezo de 2015 confirman as boas noticias coas que rematamos o pasado ano e fannos ser optimistas respecto á evolución de 2015, exercicio no que cumpriremos cun ano de antelación o obxectivo de beneficios marcado no noso Plan de Recuperación de Resultados. Nos próximos meses centraremos os nosos esforzos en seguir mellorando os nosos custos e aproveitar ao máximo os bos prezos da celulosa e o cambio do dólar”.

Destacan no trimestre o bo comportamento dos prezos da celulosa e a redución do ‘cash cost’ (custo unitario de produción). En concreto, o prezo da celulosa aumentou ata os 770 dólares por tonelada a finais de marzo impulsado polo aumento da demanda e anunciáronse prezos de 810 dólares por tonelada no segundo trimestre.

Cabe resaltar que a demanda de celulosa de eucalipto (a que fabrica Ence) creceu un 19% nos tres primeiros meses do ano e despraza progresivamente a celulosa de fibra longa fabricada nos países nórdicos.

A revalorización do dólar fronte ao euro, cun tipo de cambio de 1,13 no primeiro trimestre de 2015, fronte a 1,37 no mesmo período de 2014, tamén impulsou a mellora dos resultados. Un incremento dos prezos da celulosa do 5% ou unha revalorización do 5% do dólar impulsarían o Ebitda de Ence en máis de 20 millóns de euros.

A redución do ‘cash cost’ tivo un peso determinante na mellora dos resultados. En concreto, reduciuse ata os 363 euros por tonelada no primeiro trimestre, un 13% menos que os 415 euros por tonelada do mesmo período de 2014, e tamén por debaixo dos 391 euros por tonelada con que rematou o pasado ano.

REBAIXA DOS CUSTOS DE PRODUCIÓN

A compañía mantén o obxectivo de rematar 2015 cun ‘cash cost’ de 336 euros por tonelada e rebaixalo ata os 321 euros por tonelada a finais de 2016, grazas aos distintos investimentos que se están a poñer en marcha e outras que se prevé aplicar nas plantas de produción de Navia e Pontevedra.

Polo que se refire ás vendas de electricidade no primeiro trimestre, experimentaron un aumento do 21% debido ao incremento do 132% das vendas das plantas independentes de biomasa tras as incorporacións das plantas de 40 MW en Huelva e de 20 MW en Mérida, e á suba do 30% do ingreso medio por venda de electricidade grazas a os maiores prezos do ‘pool’.

29 de abril de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.