Elimínase o canon de entrada na concesión de postos nos mercados da Magdalena e de Recimil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol elimina o canon de entrada na concesión de postos no novo Mercado Central e no Mercado de Recimil. Esta medida, impulsada pola Concellería de Economía, Facenda e Patrimonio que dirixe Alejandro Langtry, abordouse na Xunta de Goberno celebrada na xornada de onte e ten como obxecto incentivar a actividade nestas dúas prazas de abasto coa apertura de novos postos de venda que nestes momentos se atopan baleiros.

Ao respecto, o edil Langtry Caínzos explicou que coa exención deste canon de entrada os novos operadores aforrarán entre 2.000 e 3.000 euros, xa que a tarifa é diferente en función dos metros cadrados e valoración de cada punto de venda. Así as cousas, a administración municipal soamente cobrará o canon mensual e a duración da concesión de explotación será como máximo de dez anos.

O titular de Economía explicou que nos anteriores procedementos postos en marcha polo Concello para a concesión de locais baleiros nos mercados soamente supuxeron catro adxudicacións no da Magdalena e dous no de Recimil, polo que esta nova medida de eliminar o canon de entrada trátase de incentivar o interese por instalarse nestes mercados.

21 de abril de 2015 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.