Elaboracións tradicionais de Castela e León na aula de cociña do Centro Comercial Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A aula de Cociña do Centro Comercial Arousa acollerá mañá, a partir das 20:00 h., Cociña de Castela e León, un novo taller culinario enmarcado dentro do ciclo España Gastronómica. Un país para saborear, no que os asistentes aprenderán a elaborar pratos típicos de distintas localidades desta comunidade e a sacarlle o máximo partido aos seus produtos máis característicos.

O curso, de carácter gratuíto e aberto ao público ata completar aforamento, estará impartido nesta ocasión por Rocío Garrido (Sanxenxo, 1977), creadora do recoñecido blog gastronómico La cocina de mi abuelo e autora do recetario Cociñando coas razas autóctonas, editado pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia –Boaga, e premiado como o mellor libro de cociña sustentable de España no Gourmand World Cookbook Awards 2012. Garrido estará acompañada nos fogóns polo chef do Asador O Pazo, de Padrón, Óscar Vidal.

Durante o taller, os asistentes aprenderán a preparar un menú completo, composto por un primeiro prato, un segundo e unha sobremesa, que proporcionará ao público presente a posibilidade de explorar novas elaboracións que incorporar despois aos seus menús diarios. Así, en primeiro lugar, cociñaranse patacas á importancia, unha exquisita, sinxela e económica receita, típica de Palencia, que se fixo popular nos anos corenta, coincidindo co período de postguerra, e futo da fame negra e a necesidade. A continuación, prepararase un saboroso prato de orixe pastoril e propio de Ávila: cochifrito, tamén coñecido como cuchifrito, e elaborado a base de carne de cordeiro.

Os deliciosos hojaldres de Astorga, tamén denominados mielitos, e caracterizados pola súa xugosidade e sinxela elaboración, porán o broche de ouro ao menú.

As receitas estarán dispoñibles, unha vez finalizada a sesión, na páxina web do centro www.ccarousa.com.

27 de abril de 2015 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.