Educación asesora en Vilagarcía aos pais sobre os trastornos por déficit de atención e hiperactividade nos nenos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os trastornos por déficit de atención e hiperactividade entre os nenos e adolescentes é unha das problemáticas que máis preocupan na actualidade aos pais e nais polos efectos negativos que teñen na aprendizaxe e nos estudos. Para resolver dúbidas, informar e asesorar ás familias, a petición da Coordinadora de Anpas de Vilagarcía, a Concellería de Educación programou dúas sesións abertas a toda a poboación interesada que se desenvolverán os días 23 e 30 de abril no Auditorio en horario de tarde.

As charlas informativas sobre trastornos de déficit de atención e hiperactividade son unha acción resultante do traballo conxunto que están a desenvolver a Concellería que dirixe Rocío Llovo, e a coordinadora de Anpas constituída hai uns meses en Vilagarcía. Esta actividade en concreto foi solicitada pola coordinadora e é a Concellería quen corre co seu financiamento.

A necesidade de abordar esta temática xurde ante impresión xeneralizada de que na actualidade existen moitos máis casos de nenos e nenas con déficit de atención ou hiperactividade, trastornos que en moitos casos lles impiden un normal desenvolvemento educativo e que lles provoca problemas nos estudos. Non obstante, é preciso unha correcta diagnose destas afeccións, xa que de confirmarse deben ser tratadas convenientemente. Do mesmo xeito que é preciso diferenciar aqueles casos que, aínda tendo síntomas comúns non se corresponden con este tipo de trastornos e que deben abordarse doutro xeito.

As charlas informativas serán impartidas por expertos na materia, estarán abertas a todo o que estea interesado e celebraranse en horario de tarde os xoves 23 e 30 de abril na sala de conferencias do Auditorio en horario de tarde.

14 de abril de 2015 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.