Economía e Industria impulsa un pop-up de pezas de artesanía no casco histórico de Santiago

Sol Vázquez en Santiago. Foto: X. Crespo
A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, está a impulsar un pop-up ou evento temporal de promoción e venda de artesanía que se desenvolve na tenda de decoración e interiorismo Myka, nos arredores da Praza de Abastos de Santiago, coincidindo coa celebración do evento Compostela Gastronómica.
Esta iniciativa de carácter temporal, que foi visitada hoxe pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, ten por obxectivo contribuír á visibilización do produto artesán galego e á posta en marcha de novas fórmulas de comercialización da artesanía. Encádrase dentro do Plan de Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
A escolma de produtos que están presentes neste espazo dedicado á decoración e ao interiorismo centra o valor da artesanía na súa diferenza: deseño, baixa pegada ecolóxica, cohesión co territorio e patrimonio cultural, ocupando a artesanía galega o seu propio lugar en consonancia con outros obxectos doutras características e procedencia.
A mostra está formado por pezas de madeira, cerámica, téxtiles, cestería tradicional e contemporánea, elaborados por 19 obradoiros artesanais de toda Galicia. Os visitantes poderán ver pezas dos talleres téxtiles de Concha Canoura (Culleredo), Taller Arbor (Vilamarín), Centro de Recuperación de Cultura Popular (Ponteareas), Artefíos (A Coruña), Anna Champeney (A Teixeira).
As pezas de cerámica están elaboradas por Alfarería Lista (Malpica de Bergantiños), Regal Cerámica (Viveiro), Carmen Labrador (Malpica de Bergantiños), Cerámica Unzueta (Brión), Cerámica Suve (Cangas), Lucía Catuxo Cerámica (Trabada), Victor Ares (A Coruña).
A madeira está representada por pezas de Armaior (Quiroga), Atalanta Madera (A Estrada), Elena Ferro (Vila de Cruces), Taxus (Vilarmaior). Zimzelatum (Gondomar) expón pezas en metal cicelado, Antonio Suárez Dávila (Vigo) cestería tradicional e Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), pezas de cestería contemporánea con fibras téxtiles.











