Dotan con desfibriladores os campos de fútbol da Laracha e de Paiosaco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha e a Federación Galega de Fútbol dotaron ás instalacións deportivas do complexo do campo de fútbol Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco con senllos desfibriladores co obxectivo de mellorar a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia que puidesen presentarse nestes recintos (afectando a deportistas ou ao público presente) e que requirisen do emprego deste material. En concreto, o da Laracha foi achegado pola Federación e o de Paiosaco, polo Concello.

Complementando a incorporación dos equipos ás instalacións deportivas, o Concello da Laracha promoveu e financiou integramente a realización dun curso de soporte vital básico e manexo dos desfibriladores que se desenvolveu recentemente e no que se convidou a participar a representantes dos tres clubs de fútbol federados do municipio (Laracha C.F., U.D. Paiosaco e Club do Mar de Caión) ao tratarse das entidades que presentan unha maior actividade nos campos de fútbol municipais.

A citada xornada formativa foi impartida por docentes de ampla experiencia no ámbito da medicina de urxencias. Tivo unha duración de oito horas presenciais, centrándose especialmente en exercicios prácticos de emprego do desfibrilador. Todos os membros dos clubs que participaron no curso recibiron a correspondente acreditación, que foi entregada polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de deportes, Patricia Bello.

16 de abril de 2015 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.