Día de acción global contra os tratados de libre comercio e investimentos en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A campaña Non ao TTIP integrada por ADEGA, A Cova dos Ratos, ACOUGA, ANOVA Vigo-Mos, Asemblea de Movementos Sociais de Vigo, BNG, CIG, Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres, Democracia Real Xa-Vigo, DesPensa, Entremos na Panificadora, ECOAR))), EQUO Galiza, Esquerda Unida, Horta Comunal de Donas, Moeda Social Val Miñor, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Podemos Vigo,  RSP-Vigo e TANKOllectif, convocan a toda a cidadanía e organizacións a mobilizarse o vindeiro 18 de Abril. Vigosumarase aos millóns de voces que sairán ás rúas en decenas de países de catro continentes no Día de Acción  Global Contra os Tratados de Libre Comercio e Investimentos baixo o lema “As persoas e o Planeta antes que o Capital!”.

As diferentes accións e mobilizacións son a resposta unitaria e coordinada dunha cidadanía que sente que ten problemas e solucións semellantes perante unha situación actual insostible. Os Tratados de Libre Comercio e Inversións, impulsados pola empresas transnacionais e os gobernos  de costas á cidadanía, vulneran os dereitos das persoas e o medio ambiente.

Todas as persoas e organizacións están chamadas a participar na xornada para organizar accións descentralizadas en cada recuncho do planeta baseadas na diversidade táctica das mesmas. As accións buscarán informar, sensibilizar, fomentar a participación e fortalecer a mobilización da xente rumbo a un novo movelo económico e de comercio que funcione para o beneficio de todas as persoas e o planeta.  

En Vigo a saída efectuarase ás 20:00 dende a Farola de Urzáiz, descenderá por esta, pasará por Policarpo Sanz e rematará na Porta do Sol coa lectura dun manifesto.

14 de abril de 2015 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.