publicidade hoxe

Dez artistas galegos participaron no encontro coa arte “De l’Empordà a Galicia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Castell-Platja d’Aro (Girona) acolleu esta fin de semana a segunda edición dos Encontros coa Arte “De l´Empordà a Galicia”, un intercambio cultural no que participaron 21 artistas de renome: 11 do Empordá e 10 galegos. Trátase dun intercambio cultural e artístico entre Galicia e Cataluña froito dun convenio de colaboración asinado entre o Concello de Brión e Castell-Platja d’Aro en 2013.

A expedición galega estivo integrada polos artistas galegos Maica Alonso, Fernando Carballa, Tino Canicoba, Antón X. Díaz – Caxoto, María Xesús Díaz, Carmen Hermo, Veiras Manteiga, Rebeca Ponte, Chelo Rodríguez e Luís Romero, que estiveron acompañados polo concelleiro de Ensino, Xesús Quintela, e o técnico de Cultura, Alberto Álvarez. A delegación empordanesa contou con Emili Armengol, Carles Bros, Josep Cruañas, Antonio Marqués, Joan Raset, Marta Rojas, Antonio Rojas Sabalete, Jordi Rollán, Alba Roqueta, Joaquim Ros e Lluís Roura.

Durante dous días, os artistas galegos e cataláns intercambiaron experiencias e técnica, tomaron parte en sesións de pintura ao natural para achegarse aos veciños (unha delas coa participación de alumnos e alumnas da Escola Municipal de Artes Castell-Platja d’Aro) e expuxeron as súas obras nunha gran mostra pictórica no castelo Benedormiens, que poderá visitarse de xeito gratuíto ata o próximo 10 de maio.

O proxecto Encontros coa Arte “De l´Empordà a Galicia” comezou en 2013 co obxectivo de amosar a arte creada nas rexións do Empordà (Cataluña) e Amaía (Galicia), nunha viaxe de intercambio que traerá a unha ducia de artistas cataláns o próximo mes de xuño a Brión, coincidindo coa celebración da décima edición dos Encontros coa Arte.

14 de abril de 2015 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.