Dan comezo as Barrioferencias nas que se porá en valor o patrimonio da Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

O Concello da Guarda organiza unha vez máis un ciclo de charlas que intentarán por de manifesto o patrimonio desta vila que se celebrarán os venres e os sábados. Nesta ocasión, a actividade, que leva o nome de “Barrioferencias”, ten o obxectivo dar a coñecer ós veciños da Guarda diferentes puntos da localidade máis descoñecidos.

A primeira cita está organizada para o próximo venres 17 de abril a partir das 20,30 horas. O lugar de reunión será a Asociación “O Percamino” na Gándara onde os convidados, Victoriano Rodríguez, Praxíteles González e José Álvarez Alonso “Buraco”, explicarán e falarán sobe “Os Telleiros de Salcidos”. As seguintes datas serán o sábado 25 de abril, o nove de maio e por último o venres 29 deste mesmo mes, sendo todas no mesmo horario que a primeira. Nestas barrioferencias os temas a tratar serán “O Convento das beneditinas”, na que participará Joaquín Miguel Villa Álvarez, “O Coto de Camposancos”, na que estarán presentes tanto Antonio Rodríguez Portela coma Manuel Ángel Álvarez Pérez, e “O Contrabando no Esteiro do Miño”, da man de Praxíteles González.

Esta actividade da continuidade ás charlas divulgativas denominadas “Barferencias” que se levaron a cabo no 2012 e 2013 para conmemorar o Centenario da Sociedade ProMonte e as ofrecidas no ano posterior nas que se poñía en valor o Castelo de Santa Cruz, coincidindo coas datas da súa reapertura.

Como nas citas anteriores espérase que esta actividade sexa de novo un éxito no lugares onde se realicen, estean repletos de xente con ganas de coñecer un pouco máis da vila onde vivimos.

10 de abril de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.