CXG Compostela defende a creación unha gran área metropolitana de Santiago
O candidato á Alcaldía por Compromiso por Galicia (CXG) Compostela, Xosé Antón López, defendeu este venres a creación dunha grande área metropolitana de Santiago na que se “recupere o liderado da capital” e se “vincule os concellos limítrofes para a optimización dos servizos públicos sempre dende a óptica da colaboración”.
Acompañado de María Xosé Alfonso Torres, secretaria de política municipal; Eduardo Neira, candidato de Compromiso en Boqueixón; e do secretario xeral do partido, Xoán Bascuas; o candidato de Compromiso afirmou que o sistema provincial “é un anacronismo que hoxe está superado” e avogou por “outras fórmulas e marcos de cooperación territorial”.
Xosé Antón López recordou que o artigo 2 do Estatuto de Autonomía permite un desenvolvemento territorial distinto do actual, mediante unha ordenación territorial diferente que “se adapte a unha nova realidade política, administrativa e socioeconómica”.
O candidato de CXG-Santiago retou aos cabeza de lista de todos os partidos a un debate público sobre a ordenación do territorio, xa que, reivindicou, foi esta formación “a primeira en poñer enriba da mesa a reordenación territorial sempre coa colaboración da cidadanía”.
Para CXG, a reordenación territorial do país “levará implícita a eliminación das deputacións provinciais”, tendo en conta que estas institucións son, baixo o seu punto de vista, “antidemocráticas, escurantistas e caciquiles ademais de profundamente ineficaces”.











