publicidade hoxe

Cuntis solicitará a colaboración de Economía e Industria para unha nova reforma da praza de abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Cuntis

Cores Tourís na visita a Cuntis

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe as instalacións do mercado municipal que o Concello vai a mellorar nos próximos meses. Tamén estivo presente o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

O rexedor transmitiu ao delegado territorial a decisión do municipio de solicitar a colaboración económica da Consellería de Economía e Industria a través dunha subvención para proxectos municipais que teñen como obxectivo mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.

Segundo explicou Antonio Pena, o proxecto presentado polo concello de Cuntis contempla unha nova fase de reformas cun investimento de algo máis de 88.300 euros dos cales o 70% serían aportados pola Consellería de Economía e Industria, é dicir, 61.818,67 euros. As obras que pretende executar este ano o concello suporían a modernización, remodelación e instalación de nova sinalización neste mercado.

Deste xeito, o proxecto contempla a retirada de trámex de fiestras e portas, así como de canos en mal estado que serán substituídos por outros. Tamén se demolerá o aseo non adaptada realizándose obras de mellora no mesmo. Crearase unha zona de xestión de residuos e instalarase un novo zócalo así como se levará a cabo o pintado das paredes.

Ademais, crearanse 3 novos postos na praza de abastos aberta ao exterior; lavaranse as fachadas e o tellado; instalaranse consignas para os clientes e, finalmente, colocarase sinalización comercial en exterior e interior.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou, pola súa banda o delegado territorial quen animou ao alcalde e aos usuarios e comerciantes da praza de abastos a continuar a mellorar estas instalacións, xa que “non podemos esquecer que as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.

Por estas razóns, considera Cores Tourís que “o concello de Cuntis está a traballar na senda correcta para mellorar estas instalacións, xa que é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.

28 de abril de 2015 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.