Covas Vegetal implícase no proxecto “Natura” que leva a cabo AFAL Ferrolterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Responsables de AFAL Ferrolterra e Covas Vegetal mantiñan a pasada semana unha reunión de traballo que naceu por mor da participación dos maiores da asociación nun dos talleres que impartiu a empresa no marco do Salón do Cabalo de Ferrol, Equiocio. No transcurso do mesmo, Covas Vegetal mostrou a súa vontade de colaborar coa asociación de forma completamente desinteresada. E nesa liña e con esa vontade, tal e como explicou a presidenta de AFAL, Milagros Prieto, a firma acordou implicarse no proxecto “Natura: Estímulos Vivos”. Así, traballadores de Covas Vegetal impartirán ao longo do ano diferentes talleres de plantación nos centros de día terapéuticos que xestiona AFAL en Ferrol. Un por cada estación do ano. Os primeiros, xa en maio. O día 5, no Centro de Día da rúa Río Castro e, o día 26, nas instalacións da antiga Casa do Mar.En ambos os casos, ás 11 e cunha duración dunha hora.

Non só iso, Milagos Prieto explica que tamén acordaron programar a curto prazo unha visita dos maiores aos invernadoiros de Covas Vegetal na parroquia ferrolá da que toman o seu nome. Unha actividade que se expón como unha saída terapéutica a unha contorna natural que, con toda seguridade, será do agrado dos maiores. Covas Vegetal, á fronte da que se atopan Manuel Bereijo e Ángela do Río, constitúese en agosto de 2013 e, desde entón, cultivan de forma tradicional verduras e legumes, produtos de tempada e especialmente pataca de Covas e grelo de Costa Ártabra. Produtos que comercializan en toda España. Cabe lembrar que, na actualidade, “Natura: Estímulos Vivos” é un dos programas máis innovadores desenvolvidos por AFAL.

Este permite que os maiores que acoden a diario aos centros de día entren en contacto coa terra, as plantas, os aromas que desprenden. A través do mesmo, os usuarios cultivan as súas propias plantas baixo a dirección do equipo de AFAL e realizan un seguimento do seu crecemento e evolución. Mesmo, como apunta Noelia Ríos, supervisora do Centro de Día da Rede Pública e coordinadora do proxecto nestas instalacións, chegáronse a incluír no menú do comedor as hortalizas que previamente plantaran. En moitos casos, para aqueles maiores que viviron nunha contorna rural ou dispuxeron dun horto na súa vivenda, a experiencia non é nova e, precisamente por iso, estimúlase os seus recordos. O programa leva a cabo con enfermos en fase inicial e os seus obxectivos son ben claros: estimulalos, traballar as reminiscencias, atrasar o avance da enfermidade e reforzar a súa autoestima.

20 de abril de 2015 | 12:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.