Convócase o 5 de maio unha folga por horas en PSA Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

Os sindicatos CUT e CIG convocaron o próximo 5 de maio unha folga por horas na fábrica viguesa de PSA Peugeot Citroën co obxectivo de denunciar as “altas cargas de traballo”, os “altos ritmos de produtividade” e protestar contra o ‘Plan de Presentismo’ posto en marcha pola dirección da empresa.

Tal e como informou o voceiro da CUT, Víctor Mariño, a mobilización foi convocada para o día 5 porque é o día en que está previsto que saia polas liñas de produción da planta o vehículo 12 millóns, motivo polo que, dixo, o presidente da empresa, Carlos Tavares, supostamente visitará o centro vigués.

O obxectivo, incidiu Mariño, é que a dirección “reflexione da dimensión que está a coller todo isto”. “Estamos fartos de tanto recorte e tanta presión”, indicou, antes de remarcar que os empregados asumen “postos irrealizables” e sofren “sancións” e “discriminación”.

Mariño indicou que esta mobilización foi sometida a votación nunha asemblea celebrada o pasado sábado no museo Verbum de Vigo, na que participaron máis dun centenar de traballadores de distintos sindicatos e tamén non afiliados, onde todos os votos foron a favor, salvo un único voto en contra.

A folga, convocada pola Federación de Industria CIG e o secretario xeral da CUT e aberta á participación doutros sindicatos, desenvolverase en quenda de mañá entre as 9,00 e as 11,00 horas; en quenda de tarde entre as 17,00 e as 19,00 horas e na quenda de noite entre as 2,00 e as 4,00 horas do día 6.

Tras esta xornada, os traballadores verán a “reacción” da empresa e, “se seguen e non sentan a analizar” e deixan de despedir arbitrariamente e sancionar”, non descartan futuras convocatorias, adiantou o sindicalista da CUT.

27 de abril de 2015 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.