Conde sinala ás empresas galegas de matrices e moldes como o inicio da cadea de valor de sectores estratéxicos para Galicia

Francisco Conde en Mos
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o importante papel que desenvolven as empresas galegas de deseño, construción e fabricación de matrices e moldes como o principio da cadea de valor de sectores estratéxicos da industria manufactureira galega, prestando un importante servizo á automoción, o naval ou a aeronáutica, chamada a converterse nun motor económico e da innovación en Galicia.
Conde visitou as instalacións da compañía mosense Demsu acompañado por responsables da Asociación Galega de Moldistas, Matriceiros e Afíns (Agmma), da que forman parte empresas que dan emprego a preto de 500 persoas en Galicia, facturando 40 millóns ao ano.
O responsable de Economía e Industria, que abordou con Agmma liñas de traballo conxuntas, destacou a aposta das compañías asociadas como Demsu, con 20 anos de traxectoria e con máis de 20 traballadores, por asentar o seu crecemento en eidos como a innovación, a tecnoloxía e a internacionalización.
Salientou ademais Francisco Conde que se terá moi en conta ao sector dos matriceiros e moldistas na Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, que se está a consensuar cos principais axentes. Esta Axenda sentará as bases para a modernización industrial de Galicia a través dos sectores tradicionais e os de futuro, e a hibridación multisectorial para xerar sinerxías, do fomento da cultura e da innovación, e impulsando a fábrica intelixente.











