Conde aborda cos empresarios da Coruña as liñas de traballo para a dinamización económica da provincia

Francisco Conde na Confederación de Empresarios da Coruña
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, abordou hoxe cos empresarios coruñeses liñas de traballo conxunto para a activación da economía e o impulso dos principais sectores. Conde, que interveu no ciclo de almorzos de traballo organizado pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), trasladou as diferentes actuacións que se están a desenvolver desde a Xunta para acompañar as empresas en diferentes eidos, como a aposta pola innovación e a mellora da competitividade e a internacionalización.
Do mesmo xeito, no encontro os empresarios participantes tiveron oportunidade de achegar ao conselleiro e poñer en común as súas inquedanzas e propostas sobre a actual situación económica, desde o obxectivo común de crear emprego e contribuír á fixación de tecido industrial en Galicia.
Entre os diferentes temas que se destacaron na reunión atópase a simplificación administrativa para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais. Neste sentido, lembráronse medidas como a Lei do Emprendemento e da Competitividade Económica de Galicia, que eliminou, con carácter xeral, as licenzas municipais de obra e actividade.
Do mesmo xeito, abordouse o novo Decreto de carburantes, que acurta os trámites para abrir novas gasolineiras na comunidade e impulsa a competencia. Tal e como se salientou no encontro celebrado hoxe, a nova normativa, que vén de ser aprobada polo Consello da Xunta, ten entre os seus obxectivos acadar un maior número de operadoras e abaratar os prezos, e activa unha xanela única na Consellería de Economía que substitúe catro autorizacións por un procedemento único.











