Conde aborda co presidente da CEP estratexias de traballo para impulsar o tecido empresarial pontevedrés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Conde na reunión co presidente da CEP. Foto: A. Varela

Conde na reunión co presidente da CEP. Foto: A. Varela

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo este mediodía un encontro co novo presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, con quen abordou estratexias de traballo conxunto para continuar a impulsar o tecido empresarial pontevedrés.

No encontro, no que Conde lle trasladou a Cebreiros as principais liñas de actuación da consellería, centrada en eixos como a innovación, o emprendemento ou a internacionalización, destacouse o importante papel que ten a provincia na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, coa que a Xunta persegue incrementar a participación das exportacións no PIB da Comunidade ata acadar o 40% no ano 2020. Non en van, Pontevedra liderou o incremento das exportacións galegas en febreiro, cunha suba do 18,3% con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

Conde e Cebreiros estudaron a posibilidade de presentar un novo proxecto á próxima convocatoria do programa europeo POCTEP de Cooperación Transfronteiriza Galicia- Norte de Portugal, no cal a CEP e o Igape xa están a colaborar xunto con outros socios galegos e portugueses, no marco do proxecto ECICII, centrado na internacionalización e na captación de investimentos estranxeiros.

Do mesmo xeito, na reunión sinalouse a oportunidade que supón a Axenda da Competitividade Industrial Galicia-Industria 4.0 tanto para reforzar sectores estratéxicos para Pontevedra, como o agroalimentario, a automoción, o naval, o téxtil ou o forestal, así como para impulsar outros emerxentes como o aeronáutico, o biotecnolóxico ou as TIC.

Co desenvolvemento da Axenda, que establece as pautas para modernizar a industria co obxectivo de crear 50.000 novos empregos de calidade durante este período, a Xunta aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade, e impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade.

23 de abril de 2015 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.