Concerto de Música Solidaria en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A casa consistorial de Verín acolleu esta mañá a presentación do Concerto de Música Solidaria, a cargo do rexedor Juan Manuel Jiménez, o concelleiro Víctor Baladrón, D. Óscar Martínez, párroco de Verín e representante de Cáritas no acto, e José Manuel Salgado, director do Conservatorio Elemental de Música de Verín.

O Concerto de Música Solidaria a prol de Cáritas Verín terá lugar este sábado 25 de abril, ás 17 horas, na Igrexa Parroquial de Verín. O mesmo organizado polo Conservatorio Elemental de Música de Verín, coa colaboración da Fundación Caja Rural de Zamora, ten como obxectivo recadar fondos en favor de Cáritas Verín, a través da adquisición dunha entrada para acceder a este concerto cun prezo simbólico dun euro -que se pode adquirir na propia Igrexa Parroquial desde as 16.30 horas da mesma xornada ou previamente nas igrexas Parroquial e Mercé e en mesas situadas en rúas da localidade-; así como a colocación dunha urna no interior do recinto para efectuar doazóns. “Os concertos son a prolongación natural da formación musical, e serven, tamén, para que tanto as familias vinculadas á comunidade educativa do centro como o resto dos veciños gocen da música ao vivo.Se os concerto serven, ademais, para o financiamento de programas de socorro social que institucións que como Cáritas desenvolven, engaden un valor social ou seu indiscutible valor cultural”, subliñou o alcalde.

Durante o concerto os/as músicos participantes interpretarán temas populares e clásicos como Spring Song, Sueño, Minuett, Gavotte en Sol Maior, Mélodie, Carol from Five Bagatelles, Allegro con spirito (Concerto de Aranjuez), Rondó, Oblivion, Fantasía Eslava, Zampa, Eine reise in’s gluck ou Tijuana Taxi. Todos eles pertencentes a autores como Robert Schumann,Gerald Finzi, Wolfgang Amadeus Mozart, Willis Coggins, Gabriel Fauré, Joaquín Rodrigo, Astor Piazzolla, Carl Höhne ou Bud Coleman, entre outros. “Esta iniciativa é un acto simbólico e significativo”, indicou o párroco verinense, “significativo porque a cantidade aportada incrementará os recursos de Cáritas para axudar ás familias con dificultades, e simbólico xa que conciencia á sociedade de que existe xente con necesidades e así potenciar a solidariedade”.

Na anterior edición o recaudado foi tamén destinado a Cáritas Verín, mentres que nas anteriores a outras entidades como Save the Children -nos anos 2010 e 2011- e no 2013 para Unicef.

20 de abril de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.