publicidade hoxe

Concello e ANPA do colexio de San Sadurniño asinan o convenio económico para o desenvolvemento de actividades extraescolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello e maila ANPA do CPI de San Sadurniño rubricaron este martes o convenio anual de colaboración que lle suporá á entidade unha achega de 4.000 euros para contribuír ao finanzamento das súas actividades culturais, deportivas e educativas así como aos gastos ordinarios. A ANPA conta con 120 familias socias e ao longo do ano desenvolve un completo programa de actividades extraescolares, ademais de colaborar co Concello e co profesorado do centro en eventos como a carreira popular de San Sadurniño ou a Parada Familiar de Xogos Tradicionais.

O convenio asinado coa ANPA estipula que os 4.000 euros se farán efectivos en dúas veces: 2.000 euros inmediatamente despois da sinatura e outros 2.000 a finais de ano cadrando coa xustificación dos gastos das actividades desenvolvidas. O documento recolle no seu primeiro punto o compromiso da ANPA de organizar, como mínimo, a festa do Entroido, actividades polas Letras Galegas e as festas do Magosto e Samaín. 

Porén, cos cartos a ANPA tamén subvencionará a actividade de psicomotricidade de maneira que as familias dos alumnos e alumnas que participen nela só teñan que pagar un máximo de 5 euros. Ademais, a entidade colaborará economicamente coas excursións escolares achegando 300 euros para as de infantil e primaria e outros 600 para a de secundaria.

O convenio rubricado este martes polo alcalde, Secundino García, e a presidenta da entidade, Ana Belén Monteagudo, tamén reflicte o compromiso de organizar un curso de primeiros auxilios e unhas xornadas de apicultura -en colaboración coa delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura- dentro das actividades dirixidas a 1º e 2º de secundaria. Para o alumnado de 3º e 4º de secundaria tamén están previstas unhas xornadas de fructicultura coordinadas pola Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) do Eume e outras sobre economía social e cooperativismo. 

Por último, o acordo recolle a participación da ANPA na organización da carreira popular Concello de San Sadurniño -que se celebrará o domingo 31 de maio- e a súa colaboración coa dirección do CPI na organización da II Parada Familiar de Xogos Tradicionais. O encontro co lecer tradicional trasládase este ano ao campo de fútbol de Naraío logo de que o profesorado ao cargo da actividade aceptase o ofrecemento das instalacións por parte da A.VV. O Castelo, que ese día -o 6 de xuño- tamén fará a presentación do Festival do Río Castro.

A ANPA do CPI de San Sadurniño conta nestes momentos con arredor de 120 familias socias. Ademais das actividades recollidas no convenio, ao longo do ano académico leva adiante outras moitas, como son os cursos de guitarra, o baile moderno, os obradoiros de cerámica, a patinaxe, o judo, as actividades extraescolares de multideporte ou o teatro, unha das máis exitosas.

Axudas para Cultura e Deportes

Este luns reuniuse a comisión cualificadora das axudas para entidades culturais e deportivas. A comisión -formada por representantes do grupo de goberno e dos dous partidos da oposición- revisou o expediente coa proposta de adxudicación das axudas elaborada polo técnico do Servizo de Cultura conforme os criterios de puntuación expresados nas bases, aprobadas por unanimidade no pleno do pasado 13 de febreiro. 

A proposta técnica pasou pola comisión sen obxeccións e, unha vez superado este trámite, será ratificada pola Xunta de Goberno Local do próximo 4 de maio. O apartado de axudas a entidades culturais e deportivas ascende a 23.500 euros dirixidos a financiar actividades e gastos de mantemento de asociacións e clubes, ademais de reservar unha partida para colaborar coas comisións de festas. Nesta cantidade non se inclúen os convenios co CF San Sadurniño, o Aldebarán de volei, o clube Biela e Chaveta, a AGFA do Eume e a propia ANPA do CPI, que en conxunto percibirán outros 39.000 euros.

29 de abril de 2015 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.