Concello de Vilagarcía e os concesionarios acordan planificar xuntos o traslado dos postos para a reforma da praza de abastos
O Concello e os concesionarios da Praza de Abastos afectados pola segunda fase da reforma acordaron esta mañá planificar conxuntamente o traslado provisional dos postos de cara ao inicio das obras. O alcalde e a concelleira de Mercados recibiron esta mañá aos concesionarios afectados co obxectivo de responder as súas dúbidas e escoitar as súas opinións ao respecto.
O primeiro que quedou claro no encontro e que os praceiros da ala oeste da Praza de Abastos apoian a reforma proxectada e a consideran moi necesaria para mellorar as súas condicións de traballo e o servizo de que se lle presta á clientela, ademais de para adecuar ás instalacións do mercado á normativa de accesibilidade, e sanidade. Consideran que, como aconteceu coa reforma das alas este e central, a reforma contribuirá a dinamizar a actividade.
Os praceiros desta zona estaban interesados en coñecer os prazos que manexa a administración local para iniciar a segunda fase da reforma. Fole e Rocío Llovo explicáronlles que, polo momento, non se poden concretar datas, posto que o proxecto presentado hai unhas semanas na propia Praza é un documento básico que agora se está detallando para elaborar o proxecto definitivo da obra. Despois desto xa se poderá sacar a licitación, pero resulta aventurado fixar prazos.
Non obstante, e ante a necesidade de acometer os traballos coa maior brevidade, os representantes municipais e os concesionarios acordaron avanzar en todo o que poidan para, unha vez adxudicada a obra, non demorar máis o seu inicio. Para iso planificarán xuntos o traslado provisional dos postos actuais a un novo emprazamento namentres se realiza a reforma.
Os praceiros expuxeron varias ideas e propostas ao respecto das que o goberno tomou nota para estudar a súa viabilidade e a mellor opción. Tamén se falou das necesidades materiais e organizativas para levar a cabo o traslado e a reubicación dos postos.
Llovo tamén lles confirmou que as concesións en vigor actualmente, conservaranse unha vez realizada a reforma.
As dúas partes tamén acordaron volver a reunirse proximamente para examinar polo miúdo o proxecto básico da reforma nun encontro no que estará presente o Arquitecto Municipal para resolver sobre os planos as posibles dúbidas e ir analizando as suxestión dos propios vendedores.
O colectivo de concesionarios afectados pola reforma da ala oeste e zona de unión coa nace central da Praza solicitaran ser recibidos polo goberno para ampliar información sobre a obra proxectada. A reunión desta mañá responde a esta solicitude.
O goberno local tamén convocara á Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos para outro encontro a celebrar na tarde de hoxe, pero finalmente o colectivo desistiu do encontro anunciando que volverían a solicitar unha reunión tras as eleccións de maio.











