Concello, comerciantes e hostaleiros de Ferrol programan actividades para os fines de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou esta mañá as novas actividades de dinamización e promoción do comercio e da hostalería da cidade, que se enmarcan nas liñas de axudas a estes dous sectores postas en marcha polo Goberno Municipal que preside. O primeiro edil da cidade estivo acompañado polo concelleiro de Economía e Facenda, Alejandro Langtry Caínzos; e por representantes das seis asociacións de comerciantes e hostaleiros participantes nesta proposta. Estas son: Centro Comercial Aberto Magdalena – ACOF, Asociación de Comerciantes Novo Ferrol, Empresarios do Comercio e da Hostalería de Catabois (ECHO Catabois), Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, Asociación de Hostaleiros e Comerciantes do barrio de Esteiro (AHCOBE) e Ultramar Village.

Jose Manuel Rey Varela quixo agradecer o traballo realizado polas entidades de comerciantes e hostaleiros, así como a súa colaboración e implicación neste programa de ocio e actividades, que ten como finalidade dinamizar as rúas da cidade. Neste senso, o rexedor ferrolán destacou a importancia da coordinación e unión de esforzos, ao tempo que explicou que esta liña de subvención para a promoción e dinamización do comercio e da hostalería da cidade é unha das tres liñas de ayudas que o Concello ten en marcha. Unha liña de subvención para desenvolver actividades nos diferentes barrios da cidade ao longo de todo o ano e que ascende a 70.000 euros, o que supón un incremento dun 30% con respecto á anterior convocatoria. O primeiro edil da cidade valorou estas actividades como “un motor económico para os barrios”, e manifestou a boa acollida da cidadanía cando se organizan este tipo de propostas.

Pola súa banda, o edil Alejandro Langtry Caínzos explicou que estas novas accións de dinamización do comercio e a hostalería ferrolá terán lugar todos os fines de semana do que resta de ano. “O obxectivo é convertir a Ferrol nun sitio onde a xente queira vir todos os fines de semana a disfrutar das rúas e do comercio e hostalería tradicionais”, engadiu o titular de Economía e Facenda. Así mesmo, sinalou que esta liña de axuda a actividades de promoción e dinamización do comercio e da hostalería da cidade forma parte dos tres programas de subvencións impulsadas polo Executivo de Rey Varela e que ascenden no seu conxunto a un total de 140.000 euros. En concreto, este programa de actividades inclúe pasarrúas, concursos, exposicións, feiras de artesanía e gastronomía, mercadillos e espectáculos infantís ou a fashion night;. O contido completo do calendario de actividades poderá ser consultado no facebook de “Comercio e Hostalería de Ferrol”.

Por último, en representación das entidades participantes, o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, Emilio Vázquez Rey, agradeceu o interese do alcalde “por dinamizar Ferrol; e conseguir unir comercio e hostalería nun programa de actividades para que a cidade teña máis vida”.

24 de abril de 2015 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.