Compromiso por Santiago aposta pola supresión da Ora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A supresión do actual sistema de Ordenación Regulada de Aparcamento é unha das propostas estrelas do programa de Compromiso por Galicia que avanzou esta mañá o seu candidato á alcaldía, Xosé Antón López. Cualificou o sistema da ORA como “inútil e puramente recadatorio”, polo que avogou pola súa reforma, substituíndoo por prazas de aparcamento de só 30 minutos. Así mesmo, habilitaranse zonas para que os veciños de Santiago poidan aparcar libremente durante un período determinado de tempo.

Outra proposta dos galeguistas será a posta en marcha dun programa de bonificación fiscal no IBI da primeira vivenda no noso Concello, con atención especial ás persoas cunha en situación de precariedade ou necesidade familiar.

“Rehabilitar para vivir” e aposta por un mercado de abastos “que non sexa parque temático”

Xosé Antón López estivo acompañado durante a rolda de prensa, que tivo lugar na libraría Couceiro, polos números 2 e 3 da candidatura, Luísa Bernal e Modesto Toribio, os cales destacaron que este programa pretende “darlle a volta á cidade”. Entre as propostas de Compromiso por Galicia tamén destaca a aposta por unha cidade vella na que se rehabilite para vivir. “Rehabilitando as vivendas vellas conseguiremos eliminar feísmos, máis seguridade e darémoslle vida as zonas que máis o necesitan. Primaremos a eficiencia enerxética e a eliminación de barreiras e faremos os trámites máis áxiles e simples”, recolle o programa dos galeguistas.

Así mesmo, no relativo ao Mercado de Abastos, López explicou que debe ser unha “praza para comprar, e non pra outras cousas”. Segundo recolle o programa de Compromiso, este partido aposta pola “reconversión de parque temático a centro neurálxico de intercambio de produto de calidade e proximidade entre os produtores locais e os particulares e a hostalería da cidade”.

28 de abril de 2015 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.