Compostela Gastronómica consolídase como festival da cociña galega
A segunda edición de Compostela Gastronómica consolidou ao Festival como evento de referencia para a cociña galega. Os seus protagonistas foron os cociñeiros composteláns e galegos, que encheron os 27 obradoiros de cociña que houbo na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos. Os obradoiros, cun formato reducido de 35 prazas para que os asistentes puidesen degustar as propostas dos cociñeiros, rondaron os mil asistentes, cubrindo practicamente a totalidade das prazas ofertadas.
Entre os ponentes galegos pode destacarse a presencia de Pepe Solla, Yayo Daporta, Iván Domínguez ou Diego López “Moli”, que nos seus obradoiros puxeron en valor a calidade do producto galego. Tamén houbo unha importante participación de cociñeiros composteláns, como Alén Tarrío, Diego García, Eloy Cancela, José Antonio Brenlla, Juan Pablo Pérez, Kike Piñeiro, Lucía Freitas, Manuel Oliveira, Manuel García, Marcos Cerqueiro, Pepe Mata e Siro González, que amosaron a frescura e puxanza da gastronomía da cidade.
Unha das actividades con maior repercusión foi o Espazo Gastro, que tivo lugar na nova Nave Cinco do Mercado de Abastos, habilitada especificamente para o evento. No Espazo Gastro participaron máis de vinte restaurantes composteláns, que ofreceron as súas propostas de tapas creativas elaboradas con productos do Mercado de Abastos.
O Espazo Gastro celebrouse os 16, 17 e 18 de abril, de 12.00 a 15.00 horas. Na primeira edición, o Espazo Gastro celebrouse durante catro días. Nesta edición reduciuse unha xornada para favorecer a loxística dos restaurantes participantes. Nas nove horas de duración deste ano, vendéronse máis de 5.000 consumicións, cun gran éxito de público, tanto de composteláns como de visitantes e turistas. O ano pasado, cunha xornada máis, alcanzáronse as 4.000 consumicións.
Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, é a aposta de Turismo de Santiago para a promoción da cidade como destino gastronómico de dimensión internacional. O proxecto naceu no pasado mes de agosto co obxectivo de desenvolver un evento propio, deseñado e organizado dende Santiago para Santiago, que puidese promocionar do mellor modo posible as características únicas da gastronomía da cidade.
A primeira edición do Festival celebrouse a finais do pasado mes de setembro, cun notable éxito tanto de participación como de satisfacción entre os cociñeiros da cidade. A partires destes resultados, dende Turismo de Santiago, en contacto constante co sector, decidiuse crear a marca “Compostela Gastronómica” como ferramenta para a promoción da cidade.
Neste primeiro cuatrimestre do 2015 fíxose unha intensa promoción desta marca, con tres accións complementarias. A finais de xaneiro, Compostela Gastronómica presentouse en Fitur, cunha degustación da mellor gastronomía da cidade da man dos cociñeiros Lucías Freitas e Siro González. Os días 8 e 9 de abril organizouse #ComposGastroBlog, as primeiras Xornadas de Comunicación 2.0 e Gastronomía, nas que participaron máis de 100 expertos en promoción da gastronomía nas redes sociais. E entre o 16 e o 21 de abril celebrouse a segunda edición do Festival da Cociña Galega.











