Compostela Aberta promoverá unha moratoria de cinco anos na creación de prazas hoteleiras
A candidatura Compostela Aberta anunciou que, se goberna, promoverá unha moratoria de cinco anos na creación de prazas hoteleiras na zona antiga e declarará “zona saturada” de tendas de recordos as principais rúas que conducen ao Obradoiro, co obxectivo de promover outro tipo de comercio, de proximidade.
En rolda de prensa, xunto ao candidato á Alcaldía, Martiño Noriega; o número 3 da lista e exdecano do colexio de arquitectos, Jorge Duarte, explicou o xeito e os motivos polos que se levarán a cabo estas medidas, que tamén inclúen a modificación da ordenanza de terrazas -para eliminar os espazos pechados e plataformas- e a rehabilitación de vivendas na zona vella para uso residencial.
Así, en canto á moratoria na creación de prazas hoteleira, Duarte argumentou que a “oferta está cuberta”, ao tempo que en tempada baixa moitos dos establecementos teñen que pechar, o que redunda nunha “precarización”, como tamén dixo Noriega, dos postos de traballo.
Deste xeito, Compostela Aberta proponse unha especie de barbeito durante cinco anos, que permita adecuar o prezo da oferta hoteleira, agora “máis baixo” da calidade que se ofrece, e que recupere a estabilidade do emprego no sector.
Preguntado polos datos que apoiarían esta medida, Duarte indicou que, aínda que non se pode calcular cántas prazas se van evitar, o número de licenzas de apartamentos vacacións que se demandaron alcanza as dez.
“COMERCIO DE CALIDADE”
En canto á situación do comercio na zona vella, Compostela Aberta quere un comercio “de calidade” que evite as imaxes de locais pechados pola especulación de prezos aos que só poden chegar “tendas de recordos”.
A este respecto, a idea é declarar como “zonas saturadas” rúas como o Vilar ou o Franco, polo “exceso” deste tipo de establecementos que “impide a tenda tradicional”.
Outro dos aspectos nos que esta candidatura pretende fixar o seu ámbito de actuación urbanística é na praza de abastos, para a que propoñen que se manteña coa esencia actual de lugar de intercambio de comercio e impedir, deste modo, que se abran “seis ou sete locais de ocio”, ao respecto do que Duarte rexeitou “importar o modelo de Madrid”.
Trátase, dixo, de “integrar o turista” na vida dos compostelanos -en lugar de crear espazos específicos- e de que na zona vella “corran nenos polas rúas”, para o que Compostela Aberta quere recuperar o “uso residencial” dos edificios. No caso dos que estean baleiros, aposta por subir a fiscalidade, mentres que para aqueles que estean ruinosos, defende a cesión de uso.
Noriega defendeu a necesidade de establecer medidas de protección para a zona vella e intervir no “exceso de oferta” de prazas hoteleiras coa moratoria proposta, así como “regular” os usos desta zona da cidade.
En canto á música e actuacións na rúa, o candidato á Alcaldía indicou que se reuniu xa co colectivo de Música ao Vivo e é partidario de que, ademais da programación que se realice dende o Concello, a institución local sexa “facilitadora” das iniciativas de tipo privado.











