Compostela Aberta leva á xunta electoral as promesas de Hernández e o seu uso partidista do Concello de Santiago
Compostela Aberta denunciou este xoves ante a xunta electoral provincial as “promesas” do alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o “uso partidista” que, ao seu xuízo, fai das institucións públicas, despois de que se reunise con veciños de Carreira do Conde para abordar as obras que se efectúan nesa rúa.
En rolda de prensa, o número dous da candidatura, María Rozas, acompañada do tamén integrante da lista de Compostela Aberta Xan Duro, considerou este caso “paradigmático” da utilización “partidista” que o rexedor fai do Concello en precampaña “para beneficio propio do Partido Popular”.
Así, aludiu en concreto ao encontro que Hernández mantivo con veciños de Carreira do Conde o 15 de abril, dúas semanas despois da convocatoria das eleccións, na que comprometeu unha modificación do proxecto das obras na rúa e “unha campaña de comercio local”. Isto, confrontou, despois de decidir a actuación nesta vía “unilateralmente” e sen comunicación á veciñanza.
Ao seu xuízo, esta “propaganda política” debe ser rexeitada pola xunta electoral provincial, aínda que o propio Xan Duro recoñeceu que esta denuncia, de ter algunha consecuencia, será “simbólica”, pois quedaría demostrado o “uso partidista” do Consistorio, algo que, con todo, na súa opinión, é “moi grave”, pola “falta de ética” que implica que “o diñeiro de todos” se empregue “en beneficio” dun partido.
O número dous de Compostela Aberta tamén se referiu á solicitude dun crédito bancario por 8 millóns que acaba de aprobar o Concello, “porque non ten liquidez”.
HERNÁNDEZ DEFENDE TRABALLAR COMO “ALCALDE”
Preguntado tanto polas obras como por esta cuestión, tamén denunciada polo PSOE, que vinculou as necesidades financeiras co atraso do abono do IBI, o alcalde negou electoralismo.
Nunha comparecencia previa á de Compostela Aberta ante os medios de comunicación -para dar conta dos acordos aprobados na xunta de goberno local-, Hernández respondeu á denuncia en relación a unha obra aínda sen concretar que el ten “a condición de alcalde” e que traballa “para a administración” que lle paga. “Por tanto é o que fago cando estou na condición de alcalde”, resolveu.
En canto ao crédito, asegurou que é unha operación “habitual”, aínda que afirmou descoñecer cando foi a última vez que se fixo uso da mesma. Minutos despois, fontes do Consistorio concretaron que se recorreu a dous créditos destas características en 2007, a un en 2011 e a outro en 2012.
Por iso, opinou que os socialistas poden “dicir o que queiran” respecto ao IBI, cuxo adiamento de pago defendeu por entender que é “unha decisión que beneficia aos veciños” e permite que “non coincida” coa campaña da renda.
Ademais, resaltou que o custo desta operación financeira, cuxa contía se devolverá antes de que termine o ano, é “menor” aos 10.000 euros.
PARO DE TRABALLADORES E “SIMULACRO” DE DEBATE
Por outra banda, cuestionado polo paro de catro horas que anunciaron os traballadores do Concello para o vindeiro martes, que aproveitarán para realizar un debate cos candidatos ás municipais, Agustín Hernández rexeitou acudir ao mesmo, ao cualificalo de “simulacro” e resaltar que non se vai “a prestar a postureos políticos”.
Neste sentido, reivindicou a súa dispoñibilidade “para debates con todos” os candidatos e “sen limitacións”, e lembrou medidas para “tentar” que os empregados públicos do Pazo de Raxoi “recuperen parte do esforzo” que se lles pediu nos pasados anos con motivo da crise.











