Comezan as tarefas de ampliación do patio exterior da escola infantil da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

As obras dirixidas a ampliar os espazos educativos complementarios da escola infantil da Laracha xa están en marcha trala xuntanza mantida hoxe no propio lugar sobre o que se realizará a actuación entre o alcalde, José Manuel López Varela, os edís de Urbanismo –Jesús Souto- e Servizos Sociais –Rocío López-, representantes da empresa construtora e a directora do centro.

A escola infantil da Laracha, integrada na rede A Galiña Azul, foi recentemente ampliada coa construción dun novo edificio que posibilitará aumentar a súa capacidade ata os 115 usuarios a partir do próximo curso, corenta e unha prazas máis que o tope actual.

Ante a redución nas dimensións do patio exterior provocada precisamente pola construción do novo edificio, e en vista do incremento no número de nenos que farán uso das instalacións, o Concello da Laracha propuxo integrar no ámbito da escola infantil unha área duns mil metros cadrados de superficie da parcela contigua pola parte posterior do centro.

Nestes terreos, que son de titularidade municipal, o Concello acometeu recentemente unha completa limpeza, respectando as árbores autóctonas que nel se sitúan. A actuación que se realizará nas próximas semanas consistirá na nivelación do terreo para o seu posterior axardinamento –contando con vexetación axeitada a cada zona, as correspondentes canalizacións de servizos e o rego automático- e a instalación dun parque infantil con xogos para os nenos. A actuación rematarase coa colocación dun peche perimetral de malla que delimitará o ámbito e reforzará a seguridade dos usuarios.

As obras non interferirán en absoluto á actividade no centro xa que, tal e como se expuxo hoxe na reunión, a maior parte dos traballos non presentarán incomodidades para os nenos e persoal docente e, no caso de que nalgunha fase se requira realizar algunha actuación que puidese ser molesta, levaríase a cabo fóra da xornada lectiva ou nun horario consensuado coa dirección.

Unha vez completado este proxecto, a escola infantil da Laracha pasará a dispoñer dunha superficie total duns 3.500 metros cadrados entre os dous edificios, o patio exterior e o novo ámbito que está a ser acondicionado.

As obras previstas serán financiadas integramente con fondos propios municipais.

8 de abril de 2015 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.