publicidade hoxe

Comezan as obras de mellora da área recreativa de Verdes en Coristanco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoristanco
A-
A+

A Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas vén de iniciar as obras de mellora da área recreativa de Verdes, no Concello de Coristanco, co obxectivo de reforzar o seu atractivo e protexela fronte ás enchentes. Trátase dun espazo natural de grande interese e de extraordinaria beleza natural e paisaxística que é moi visitado, tanto por turistas como por afeccionados á pesca fluvial, xa que segundo as estimacións da Dirección Xeral de Conservación da Natureza preto de 2.500 pescadores se achegan a esta zona ao longo de cada tempada.

As continuas enchentes do río durante a época invernal, xunto coa elevada humidade existente na zona, fan precisa unha actuación de acondicionamento e mellora deste enclave que contribúa á súa posta en valor.

As obras consistirán na limpeza do canal fluvial e tamén se procederá á limpeza de tellados e fachadas do refuxio de pescadores e dos edificios anexos, que co paso do tempo necesitan de obras de mantemento.

Por outra banda tamén se mellorarán as pasarelas e pontóns existentes, de xeito que se mellore a seguridade dos usuarios. O proxecto inclúe a dotación de servizos públicos e mellora dos equipamentos de recollida de residuos e a reposición de equipamento e mobiliario.

O río Anllons ao seu paso polo Concello de Coristanco deleita cunha paisaxe única e un bosque fluvial situado no leito do río, que se bifurca en varios brazos formando insuas unidas entre si por pequenas pontes de madeira, baixo os cales a auga discorre facendo diversos regatos. Ademais existen un conxunto de muíños, algúns deles restaurados que son de uso público e mesas á sombra das grandes árbores.

Esta iniciativa pon de manifesto o compromiso da Xunta coa conservación dos ecosistemas fluviais e a mellora do seu contorno para un maior goce por parte de todos os cidadáns.

30 de abril de 2015 | 11:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.