Clausúrase a cuarta edición do programa “Inserta” cun nivel de inserción laboral de case o 60%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, clausurou esta mañá a cuarta edición do programa integrado para o Emprego “Inserta”, que se iniciou en setembro do ano pasado e na que participaron 80 persoas demandantes de emprego. No que atinxe aos datos de inserción laboral, o “Inserta 4” conseguiu a colocación de 47 alumnos/as, o que supón o 58,75% do total.

En canto ao contido formativo do “Inserta 4”, impartíronse cursos sobre habilidades sociais, manipulación de alimentos, informática, ingles comercial (básico e intermedio) e atención ao cliente, entre outros. Estes cursos completáronse con formación especializada na rama de comercio, alimentación, hostalería e industria sociosanitaria; escaparatismo e paquetería; Medio ambiente e calidade; e nutrición. Tamén se fixeron accións de intermediación laboral, asesoramento e orientación para o autoemprego; e prácticas non laborais en empresas de Ferrol e comarca que se desenvolveron entre os pasados meses de xaneiro e marzo; e nas que participaron un total de 25 empresas. Ademais, durante o curso as 80 persoas participantes tiveron un seguimento personalizado a través dun dobre sistema de titorías (colectivas e individuais), de xeito que o seu acompañamento foi continuo ao longo do programa.

Ao respecto, Aneiros Barros destacou o carácter experimental e innovador deste programa integrado para o emprego que consiste na busca de diferentes alternativas para a inserción laboral integral das persoas con maiores dificultades para incorporarse ao mercado de traballo, baixo un enfoque que permita o deseño personalizado dun plan adaptado ás necesidades de cada persoa beneficiaria, así como das necesidades das empresas nas que as persoas participantes son insertadas.

28 de abril de 2015 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.