Ciudadanos proponse como resposta ao descontento social en Vigo
Ciudadanos (C’s) presentou este venres ante os medios a súa candidatura en Vigo, encabezada polo autónomo Jorge Portela, coa que pretende “ocupar o espazo importante de descontento” e “cansazo” que senten os cidadáns “ante a política actual da dereita e da esquerda”. Nunha rolda de prensa, acompañado das outras catro persoas que ocupan os cinco primeiros postos da lista -por orde, María Josefa Casado, María Gallego, Elena Rodríguez e Antonio Lara-, Portela remarcou que o seu “primeiro cabalo de batalla” nas próximas eleccións será a transparencia.
Así, indicou que o seu obxectivo é que todos os cidadáns “saiban de primeira man” en que se inverte “ata o último céntimo” do diñeiro público, para o que, atendendo á “máxima dispoñibilidade que permita a lei”, farán chegar aos contribuíntes “tódolos contratos que poida ter o concello”.
Portela, que recoñeceu que crearon a lista “contra o reloxo”, describiu o seu equipo como “novo, dinámico, cunha boa representación de todos os estamentos da sociedade”. “Unha boa lista”, resumiu. “Queremos ser a voz de todos no concello e intentar conseguir a maior representación posible para que o noso discurso, que é tranquilo, moderado e claro, poidámolo levar a todos os cidadáns”, subliñou.
En esta liña, acerca das expectativas que teñen ante as 17 candidaturas que se presentan en Vigo, o cabeza de lista asegurou que teñen moita “ilusión” e reiterou que creen que poden ocupar “un espazo importante”.
Cuestionado sobre se o presidente de Ciudadanos, Albert Rivera, acudirá a Vigo a secundar a súa candidatura antes das municipais, Portela indicou que este sábado acudirá a unha convención en Madrid na que “unha das premisas” será tratar de traelo. “Se non a el, que está moi demandado, a alguén representativo do partido que nos poida apoiar nun momento tan importante”, concluíu.
PACTOS POLÍTICOS
Así mesmo, a preguntas dos xornalistas sobre as condicións que porían para pactar con algunha outra forza política, Portela recordou que “a disciplina a marcou moi claramente o partido” e, polo tanto, “non haberá pactos” con listas que leven “persoas con calquera tipo de expediente xudicial aberto”.
É por iso que confirmou que en concreto se se mantén o proceso aberto contra o concelleiro socialista Ángel Rivas, “non habería pacto” co partido liderado por Abel Caballero en Vigo. “Por coherencia política”, ratificou.











