Ciudadanos presenta como candidata á Alcaldía de Pontevedra á empresaria María Rey

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

Pontevedra será unha das cidades galegas nas que Ciudadanos, o partido liderado por Albert Rivera, presentarase ás eleccións municipais de maio coa empresaria María Rey como candidata á Alcaldía. Este luns o partido presentou a lista de 25 persoas coa que buscarán contribuír a un “cambio” para Pontevedra desde o “centro-esquerda”.

Segundo explicou María Rey nun almorzo informativo, Ciudadanos achega “normalidade sen cinismos” ao panorama político municipal e asegura que loitarán para que Pontevedra sexa “a cidade que os pontevedreses queren que sexa, unha cidade aberta, dinámica e, fundamentalmente, que empece a xerar emprego”.

María Rey aspira a que Ciudadanos poida logran un ou dous concelleiros “sería un resultado fantástico”. “Somos un partido de propostas e non de protesta”, dixo a candidata, para adiantar que o programa de Ciudadanos ten como eixos a “necesaria” rexeneración democrática das institucións, o fomento da economía e o emprego e a mellora da calidade de vida dos pontevedreses.

Así mesmo, María Rey propón impulsar un Plan Xeral de Ordenación Urbana con máis chan industrial e máis estacionamentos, mellorar os horarios de carga e descarga, reducir os pasos de peóns elevados ou crear unha ampla rede de carril bici.

ENCE

Ciudadanos reiterou o seu apoio á empresa ENCE, afirmando que “hai que apoiar a empresas que cumpren coa lei ambiental e xeran emprego”.

Para elaborar o seu programa electoral, a candidata de Ciudadanos desvelou que contou co asesoramento do exalcalde José Rivas Fontán. “Axudounos en todo este proceso”, admitiu.

El foi, segundo dixo María Rey, “a primeira persoa” coa que falou cando decidiu dar o paso á fronte e presentarse ás eleccións. “Nutrímonos da súa experiencia”, explicou a empresaria, pero sempre baixo a premisa de que non iría na lista “basicamente, porque el non quere”.

“SEN MOCHILA”

Segundo explicou María Rey, a candidatura de Ciudadanos en Pontevedra está conformada por persoas “sen mochila” -en referencia a que non veñen doutras formacións como UPyD ou o PP-, a pesar de que se trata dun partido “de portas abertas a todo o mundo”.

O número 2 da lista será José Rivadulla Lage, empresario e directivo do ACD A Seca. A continuación figuran o empresario Ricardo Alfonso Rodríguez Bogo (3), a funcionaria Lucia Maneiro Santamaría (4), a licenciada en Comunicación Audiovisual Davinia Marí (5), a funcionaria do Sergas Matilde Isabel Rodríguez (6), o empresario David Díaz Garrido (7), o funcionario Odilo Mosquera Carballo (8) ou a perito calígrafo Eva María Sobrino Castiñeiras (9).

A candidatura complétase con Christian Ramírez Ferro (10), Cintia Solla Besada (11), Andrés López Santomé (12), Anxo Graña Díez (13), José Ramón Figueroa Boullosa (14), María Montserrat Cuña Carrera (15), Luis Miguel Lamas Pérez (16), David Matías Izquierdo Ojea (17), María Teresa Guadalupe Justo Arizaga (18), Pedro Miguel López Clemente (19), Sara Quinteiro Fernández (20), José Manuel Bretal Cancela (21), Diana Otero Mascato (22), Rubén Magariños Moure (23), María Pilar Ruano Fernández (24) e Miguel Ángel Castro Carrasco (25).

20 de abril de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.