Cinco empresas presentaron ofertas para o contrato de xestión do Ciclo da auga de Carballo
Rematado o período de presentación de ofertas o pasado venres 17 de abril, téñense presentado un total de cinco empresas para optar á concesión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación que ten por obxecto o “Ciclo integral da auga do Concello de Carballo”. Así, unha vez transcorridos os 30 días preceptivos para a presentación de propostas, agora será a mesa de contratación a que nos próximos días analice as cinco opcións, comprobando que cumpren os requisitos do prego de condicións e estudando cal é a máis proveitosa. Hai que lembrar que, despois dun intento fallido para licitar a concesión por un período de 20 anos e por máis de 58 millóns de euros, o goberno decidiu acurtar os prazos e os importes e licitar o servizo por un período dun ano, cun custe para o Concello de 1.700.000 euros máis o 10 por cento de IVE, o que faría un total de 1.870.000 euros. O único criterio de valoración recollido é o de ofrecer un canon dun mínimo de 100.000 euros, que as empresas poderán mellorar á alza. O novo contrato respectará as tarifas e taxas vixentes, que permanecerán inalterables. Nestes momentos o servizo, cuxa concesión remataba en decembro de 2014, está prorrogado ata xuño con Viaqua, a empresa que tivo a concesión durante os últimos vinte anos. Coa nova licitación, cuxo proceso o goberno espera ter pechado antes de que remate o mandato, evitaríase unha nova prórroga do contrato e a nova corporación contará co prazo dun ano -o período de duración da nova concesión-, despois dos comicios municipais de maio para decidir sobre o futuro da concesión do ciclo integral da auga e o mellor modelo de xestión.











