CETMAR traballa con 26 entidades europeas na mellora da transferencia dos resultados de investigación no ámbito mariño
O Centro Tecnolóxico do Mar está a traballar da man de 26 entidades europeas no proxecto COLUMBUS, “Monitoreo, xestión e transferencia de coñecemento mariño e marítimo para o crecemento azul sustentable”, unha iniciativa que pretende mellorar a transferencia dos resultados de investigación no ámbito mariño.
A Fundación CETMAR implicarase activamente en oito das nove áreas de traballo do proxecto. O seu papel estará especialmente orientado a analizar os resultados obtidos nos proxectos europeos de ámbito mariño, co obxecto de avaliar a súa potencial aplicación para os usuarios e contribuír no desenvolvemento de follas de ruta cara a súa transferencia.
Os expertos involucrados no proxecto COLUMBUS estarán organizados en nodos temáticos e un deles será coordinado pola institución galega. O CETMAR coordinará o nodo dedicado ás políticas comunitarias e aspectos de gobernanza que afectan o ámbito mariño, como a Directiva Marco de Estratexia Mariña ou a Axenda Blue Growth, entre outras.
Coordinado por Bord Lascaigh Mhara (BIM) de Irlanda e co liderado técnico da firma Aqua TT, COLUMBUS pretende garantir que o coñecemento xerado en investigación científica e tecnolóxica financiada pola Unión Europea poida ser transferido de forma efectiva, mellorando así a competitividade das empresas no entorno mariño e marítimo, respondendo ás demandas sociais e medioambientais e facilitando mecanismos que permitan avanzar na implementación das políticas europeas máis relevantes neste contexto.
Durante a execución do proxecto, que se poñerá en marcha esta semana e se prolongará ata maio de 2017, o consorcio COLUMBUS traballará tamén en continuar co desenvolvemento do portal web Marine Knowledge Gate, que reúne información de máis de 4.000 proxectos de investigación nos ámbitos mariño e marítimo.
O que se pretende é promover a adopción de estándares e boas prácticas metodolóxicas e formar unha rede de xestores especializados na transferencia de coñecemento nos devanditos ámbitos. Este enfoque permite dar continuidade ás accións desenvolvidas anteriormente no marco do proxecto STAGES “Science and Technology Advancing Governance on Good Environmental Status” que, financiado polo VII Programa Marco e liderado por CETMAR, traballou nesta mesma liña.











