CETMAR aborda nun seminario o uso dos extractos de orixe mariña no desenvolvemento de estratexias antifouling e antibiofilm

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Os últimos estudios e experiencias respecto ao uso de extractos naturais e da nanotecnoloxía na loita contra o biofilm e o biofouling respectivamente foron abordados hoxe durante un seminario que, organizado pola Fundación CETMAR en colaboración co IIM-CSIC, tivo lugar esta mañá na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo. “Extractos de orixe mariña no desenvolvemento de estratexias antifouling e antibiofilm” foi o título da xornada, que reuniu aos principais expertos na materia, procedentes tanto do ámbito científico como do empresarial.

Os biofilms son comunidades de microorganismos que medran pegados a unha superficie inerte ou a un tecido vivo. Considéranse o primeiro estado de formación do biofouling e poden provocar corrosión de materiais, contaminación de alimentos durante o seu procesamento, colapso de tubeiras, desenvolvemento de infeccións crónicas sobre tecido vivo, etc.

A temática do seminario trouxo á sede do CETMAR tanto a empresas dedicadas á elaboración de alimentos como a outras relacionadas co sector naval e a acuicultura, xa que os biofilms microbianos e o biofouling exercen un enorme impacto en diferentes actividades industriais.

A organización desta xornada enmárcase no proxecto NOVOMAR para a consolidación do Centro Multipolar de Valorización de Recursos Mariños a través de novos usos do mar, unha iniciativa europea na que participan 7 grupos de investigación de Galicia e do Norte de Portugal.

Durante o seminario fíxose tamén unha presentación de PROTECMA, a Plataforma Tecnolóxica para a Protección da Costa e do Medio Mariño que coordina o Centro Tecnolóxico do Mar. PROTECMA traballa na prevención, resposta e mitigación da contaminación mariña orixinada pola actividade antropoxénica e cara o control e mellora da calidade das augas mariñas, costeiras e de transición.

17 de abril de 2015 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.