Catro bronces galegos no Open de España G-1 de Combate

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Galicia logrou catro bronces no Open de España G-1, que se celebrou hoxe en Pontevedra cun altísimo nivel competitivo. Lúa Piñeiro, Katia Calvar, Sabela López e Adrián Jiménez foron os galardonados galegos, mentres que os favoritos cumpriron os prognósticos e subiron ao podio. Joel González, Brigitte Yague e Rosanna Simón sairon de Galicia cun ouro na man.

O nivel dos competidores que estaban hoxe en Pontevedra amosábase sobre o tapiz. Combates de gran beleza e algunhas palizas se tiñas a mala sorte de cruzar con algúns dos olímpicos aquí inscritos. E a calidade deportiva tamén tiña o seu reflexo na grada, que estivo case chea ao longo de todo o día, e gozando co espectáculo existentes. En total 400 deportistas que loitaban por subirse ao podio nos 16 pesos (oito por categoría) e sumar puntos para o ránking mundial.

CATEGORÍA FEMININA

-46 quilogramos: Neste peso, Galicia tiña a tres galegas. Ruth Tilve perdeu no primeiro combate fronte a belga Maryam Simaili por 2-5, mentres que Laura Lorenzo superou a primeira rolda contra Emily Kaii-Ziegler por 3-6. Na segunda rolda, Laura tivo que enfrontarse a mesma belga e caeu no ponto de ouro, tras rematar o combate con empate. Pola súa banda, Alba Caamaño do Suh Sport logrou unha vitoria no primeiro combate fronte a austriaca Bianca Scurry (6-1), pero caeu no segundo contra Exipto (5-9). O ouro foi para a española Fedia Farhani.

-49 quilogramos: Neste peso logrou o triunfo a gran favorita, a campioa olímpica Brigitte Yague. Por parte galega, competiu Beatriz Parada que gañou o primeiro combate con facilidade (5-1) e caeu no segundo contra Exipto plantado cara (9-12).

-53 quilogramos: Participación da galega Sheila Fernández, que caeu na primeira rolda contra a británica Charlie Maddock. Triunfo para a española Tania García que superou na final á canadiense Charlotte Brown (6-4).

-57 quilogramos: Sara García e Marta Iglesias competían neste peso, pero ambas quedaron eliminadas no primeiro combate. Ouro para a española Eva Calvo (número 1) que gañou no último combate á estadounidense Devon Lewis (5-0).

-62 quilogramos: Triunfo para a madrileña Marta Calvo, que non partía como a gran favorita. Superou na final á británica Rachelle Booth (3-6).

-67 quilogramos: Dúas galegas entre as competidoras e ambas con gañas de acadar bos resultados. Lúa Piñeiro superou con facilidade á primeira primeira rival, a deportista da Federación de Baleares, Leonor García (23-4). En cuartos tiña un complicado combate fronte a británica Lauren Williams e cumpriuse o guión esperado. Durísimo enfrontamento que se decidiu no último segundo do punto de ouro, nunha acción con suspense que parecía non querer subir ao marcador. Ao final, 1-0 e xa nas semifinais, onde tiña á eslovena Franca Anic (levou o ouro) e coa que perdeu 4-0) e non puido plantarse na final.

E Katia tamén nos traía alegrías en Pontevedra. Gaña o primeiro combate de forma xusta (01-0) contra a deportista de Costa Rica, para nos cuartos arrollar a Laura Saez (10-0). Na semifinal, derrota contra á representante de Exipto (9-6) nun interesante combate. Así, dous bronces para as galegas Katia Calvar e Lúa Piñeiro.

-73 quilogramos: Sen galegas, triunfo da británica Bianca Walkden.

+73 quilogramos: Foi un dos primeiros metais galegos confirmados na tarde de onte. Sabela López logrou a medalla ao superar nos cuartos de final a Nacha Peñalver por 0-3. Nas semifinais, tivo a mala sorte de cruzarse coa campioa do mundo Rosanna Simón, que foi superior (9-0). Bronce para a galega e ouro para Rosanna, que gañou a final a alemana Lorena Brandl (7-3).

CATEGORÍA MASCULINA

-54 quilogramos: Espectacular actuación a do deportista do Natural Sport, Adrián Jiménez. Eliminou no primeiro combate ao alemán Alexander Mueller (8-15), na segunda rolda gañou a Mourad Laacharaoui (10-8) e nos cuartos superou ao cabeza de serie número 5, Carlos González Correa por un rotundo (0-9). Na semifinal, derrota contra o irlandés Jack Woolley (16-8), que precisamente eliminara na primeira rolda a Miguel Cobas. Ouro para Jesús Tortosa.

-58 quilogramos: Poucas posibilidades galegas neste peso, a pesar de ter un nutrido grupo de participantes. Sólo Miguel Murás (Natural Sport) logrou avanzar na primeira rolda tras superar ao polaco Mathias Jambor (5-8). Pero no seguinte combate caeu fronte a Samuel González. O resto dos galegos (Sergio Álvarez, Andrés Álvarez e Álvaro García) non superaron o primeiro reto. Vitoria do arxentino Lucas Guzmán, número 1.

-63 quilogramos: Foi un dos pesos con máis competidores (37) e dun altísimo nivel, coma o exipcio número 1 do ranking Mohamed Asal ou o campión olímpico Joel González. E entre eles dous galegos que cumpriron cunha boa actuación. Borja Ríos gañou no primeiro combate ao británico Chirtopher Cocker por 6-4 (todo se decidiu nun precioso último asalto) e tivo a mala fortuna de cruzarse con Joel na seguinte rolda. Caeu por 0-4. Pola súa banda, Luis Reiriz gañou ao representante de Porto Rico (10-14) e caeu fronte ao portugués Nuno Costa (número 6 do ránking) por 3-8. Coma era de esperar, ouro para Joel González.

-68 quilogramos: O peso máis concurrido con 45 deportistas. Varios galegos, pero só puido avanzar Francisco Padín, que gañou de forma contundente o primeiro combate contra o australiano Jordon Purchase (15-2). Despois caeu fronte ao número 3 do ranking, o británico Martin Stamper, medallista europeo e mundial. Álvaro García e Roi Pazos non superaron a rolda inicial.

-74 quilogramos: Outro peso con moitos deportistas (40). Desta forma, Juan Fernández, que logrou gañar dous combates, aínda así quedou sen podio. No primeiro superou con gran facilidade ao noruego Bendik Oeyan (0-9) e posteriormente eliminou ao ruso Viachesñav Minin por un apertado 2-1, que se decidiu no último segundo. Pero no terceiro cruce, quedou fóra do Open tras cruzarse co español Rubén Núñez, que gañou por 4-1. Xián Silva non puido participar finalmente por lesión e Raul Cancelas caeu contra o británico Benjamín Haines. Iván Sangiao e Óscar Penín quedaron no primeiro chanzo do torneo. Ouro para Raul Martínez.

-80 quilogramos: O galego Iván García logrou unha vitoria no primeiro enfrontamento do día contra o representante noruego (7-8), pero caeu despois contra o belga Arber Bajra por un apertado 8-7. Pola súa banda, David González perdeu no primeiro combate fronte a un alemán. Final española entre Oussama Oueslati e Daniel Quesada, con triunfo do primeiro.

-87 quilogramos: Os dous galegos participantes (Pablo Fernández e José Real) non superaron a primeira rolda. O primeiro posto foi para o venozolano Carlos Rivas. +87 quilogramos: Sen representación galega, o triunfo foi para o deportista de Gabón Anthony Obame.

12 de abril de 2015 | 23:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.