Catorce padexeiros galegos participarán no Campionato de Europa sénior
Catorce padexeiros galegos participarán desde o vindeiro venres no Campionato de Europa sénior que se disputará en Racice (República Checa). Supón máis a metade do equipo nacional sénior, composto por 27 integrantes. Diego Romero será o único que terá presenza en dúas probas. Teresa Portela acode por primeira vez a unha cita internacional despois dun longo período ausente.
Galicia contará con nove homes nas diferentes distancias e modalidades. Diego Romero afrontará o C-1 5000 metros e tamén o C-2 1.000 xunto a Tono Campos. Dúas regatas esixentes que tamén lles servirán a ambos para realizar un particular exame sobre o momento de forma no que se atopan.
André Oliveira, tras gañar de forma brillante o control selectivo que se disputou en Verducido, competirá en C-1 1.000 metros, mentres Roi Rodríguez farao en K-1 500 metros. Ambos realizaron unha brillante tempada ata o momento e aválanlles os seus magníficos resultados en varias competicións.
Adrián Sieiro e Jacobo Lores serán os representantes galegos en C-2 200 metros. Pola súa banda, Rodrigo Germade e Óscar Carrera formarán parte do K-4 1.000 metros. É un barco que transmitiu moi boas sensacións o ano pasado e que parte como un dos favoritos para estar no podio. Doutra banda, Cristian Toro terá como compañeiro a Carlos Arévalo no K-2 200 metros, outra embarcación galega con opcións.
Na categoría feminina destaca a presenza de Teresa Portela. Volve á alta competición na súa distancia favorita, o K-1 200 metros. Logrou o seu billete para o Campionato de Europa nun control selectivo en Verducido, aínda que xa aclarou que este campionato non lle chegaba nun bo momento. O seu gran obxectivo está centrado no Campionato do Mundo.
Ana Varela tamén competirá na República Checa como integrante do K-4 500 metros, outra gran aposta para conseguir unha medalla. As pontevedresas Raquel Rodríguez e Jenifer Casal estará no C-2 500 metros.
A representación galega no Campionato de Europa volve ser numerosa e ademais representa máis da metade do equipo nacional español. A competición desenvolverase desde o venres ata o domingo ao mediodía.
Os padexeiros inician tamén a tempada internacional de regatas. No mes de xuño afrontarán os Xogos Europeos en Bakú e na terceira semana de agosto disputarase no Mundial en Milán. Será unha cita clave, xa que en xogo estarán a maior parte das prazas que darán dereito a competir nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro.











