Carballo Interplay transformará a vila nun punto de encontro para a cultura

Presentación de Carballo Interplay
Dende o xoves 16 de abril Carballo transfórmase nun “punto no que se pode ofrecer benestar a través da Cultura”, en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que así o expresou durante o acto de apertura do Festival Carballo Interplay, CIP15, que estará no Pazo da Cultura e no Fórum Carballo até o sábado 18 de abril. A vila convértese nun lugar no que os creadores de contidos dixitais de toda Galicia, de toda España e mesmo chegados doutras partes máis lonxanas como México, Argentina, Francia ou Reino Unido, entre outros moitos da sección internacional, poden intercambiar experiencias e coñecementos. Así, Regueira explica que “o Concello quere apostar polo gris, pero non polo gris do cemento, senón neste caso pola materia gris” e pola cultura. Nunha apertura na que tamén estiveron presentes a directora do festival, Sonia Méndez; os padriños, Teresa Segura e David Sainz, da webserie “Malviviendo”; e os convidados especiais do CIP15, Xavi Daura e Esteban Navarro de Venga Monjas; o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou que “Carballo está limitando co mundo e estamos encantados de que estes días o mundo limite con Carballo”, nun festival que se converte nun “espazo vivo, alegre e ilusionante” o que xustifica que “mereza a pena seguir loitando pola mocidade e polos novos valores”.
Os padriños do festival manifestaron a súa ledicia por poder repetir cita despois dos grandes momentos da primeira edición; e Venga Monjas achegaron a nota de humor e aseguraron que “aínda que isto non ten comezado, xa ten pinta de ser un encontro moi divertido”. Despois da intensa xornada de apertura do xoves, que remata entrada a noite coa estrea ás 22-00 horas de dous produtos audiovisuais: o capítulo 1×06 da webserie “Entertainment”, titulado “La reunión”; e a comedia “Searching for Meritxell”, de Burnin’ Percebes e Venga Monjas, o programa do venres 17 comeza ás 10.00 horas no Fórum Carballo cunha Master Class con Belén Santa-Olalla sobre “Webseries e Conducttr – Claves e trucos para conectar coa audiencia”. Conducttr é un software de engagement de audiencia, que busca adquirir, activar e outorgarlle unha experiencia diferente ao público. Belén Santa-Olalla é Senior Creative Consultant de Conducttr e ten experiencia traballando con solucións de mobilidade, creatividade transmedia e desenvolvemento de experiencias interactivas e de universos narrativos.
Continúa tamén no Fórum ás 12.00 horas cunha charla con Joan Carles Martorell (2btube) sobre “Youtubers, profesionalización e produción de contidos no tubo tolo”. Así, a televisión tradicional está perdendo o público por debaixo dos 25 anos e YouTube preséntase como un novo prime-time cun ecosistema de profesionalización completamente novo. Joan Carles Martorell é licenciado en Comunicación Audiovisual pola UAB. Realizador audiovisual e produtor multimedia. Ten dirixido curtametraxes (premiadas internacionalmente), televisión e proxectos web, ademais de ser colaborador docente en varios centros universitarios. Xa ás 13.00 horas ten lugar a segunda edición do coloquio aberto con creadores “Vermú con CREA”, un encontro informal entre creadores froito da colaboración entre o Carballo Interplay e CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia.
Labazadas audiovisuais “Malviviendo vs. Venga Monjas”
Xa pola noite, vén un dos pratos fortes do festival, o InterFight: I Encontro de labazadas audiovisuais. “Malviviendo vs. Venga Monjas”, presentado por Enrique Lojo e Daniel Vilaverde. Venga Monjas e Malviviendo cara a cara nunha noite que terá algo de combate épico e algo de concurso televisivo dos 90. A través dunha serie de probas, os nosos contrincantes diseccionarán os seus vídeos favoritos de Internet, porán a proba os seus coñecementos sobre Youtube e tentarán devolverlle os golpes ao adversario. Un evento no que o público, como xurado, decidirá quen sae airoso e quen bica a lona. Despois de cear, ás 23.00 horas, a Sala Dublín pon a nota lúdica cunha Sesión golfa con Poetarras. Poetarras é un colectivo arterrorístico formado por Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde. Naceu en 2013 logo dunha noite de esmorga a base de licor café e Galicolas. Os 3 mozos decidiron facerlle a competencia a Resistencia Galega e converterse no referente da loita armada do pobo galego, aínda que tiveran que renunciar ao traballo e á parella que non tiñan. As súas armas serían sketches e cancións, humor e música, retranca e melodías, e para a súa misión contarían co apoio de arterroristas autónomos.











