Carballo convértese na primeira vila galega en implantar “Paraúgate!”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+
Presentación de "Paraúgate!"

Presentación de “Paraúgate!”

Carballo convértese na primeira vila galega en implantar “Paraúgate!”, unha rede creada para que os veciños e veciñas e mailos visitantes saian á rúa e utilicen o paraugas colectivo que se atoparán cando fagan as súas compras, gocen das cafeterías, realicen trámites ou simplemente paseen polas rúas da vila. “Paraúgate!” convida a compartir a convivencia nas rúas baixo o símbolo dun paraugas colectivo que pertence aos veciños e veciñas que poden facer libre uso destes paraugas repartidos pola área comercial, establecementos e dependencias municipais máis céntricas de Carballo. Distribuiranse co slogan da campaña e o logotipo do Concello para que todos os carballeses e carballesas poidan utilizalos, os compartan e conviden a pasear aos seus veciños e veciñas polas rúas facendo uso cando o precisen e deixándoo logo de rematar a súa saída para darlle o relevo aos conveciños.

Tendo en conta a climatoloxía galega, o paraugas aparece como símbolo de unidade, convidando a colaborar a todos nunha actitude de veciñanza e convivencia cidadá. O termo “Paraúgate!” é unha proposta para compartir, mobilizar e unir a carballeses e visitantes. Cada veciño pode coller o paraugas libremente do espazo público no que se atope, sendo consciente de que está facendo uso dun servizo público e que cando deixe de usalo debe deixalo de novo para que o use outra persoa. O obxectivo, segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, é “xerar unha dinámica social que convide a coñecer os nosos comercios e servizos” e “animar á xente a que participe do comercio”. Está previsto implantar a rede “Paraúgate!” de uso do paraugas colectivo en diferentes localidades galegas, sendo Carballo a pioneira desta iniciativa veciñal cara ao dinamismo comercial e mobilidade peonil dos carballeses polas súas rúas.

A directora creativa da campaña, Rita Más Ybáñez, subliña que o símbolo do paraugas é “moi representativo da nosa terra”, polo que parece perfecto para convidar a mercar e a pasear polas rúas. Os obxectivos do proxecto son promover a mobilidade, facilitando e convidando a camiñar polas rúas de Carballo; participar na proxección dunha cidade máis humanizada e moderna; captar e estimular a afluencia dos consumidores a través da súa mobilidade; e aumentar a presenza dos cidadáns nas rúas para activar a vida da vila. Os paraugas para libre uso nas rúas de Carballo entregaranse nos comercios, establecementos, cafeterías e restaurantes que así o soliciten. Poden facelo no enderezo electrónico <museo@carballo.org>, ou no teléfono 981 709 013. Facilitaránselles os paraugas e a cartelería propia da iniciativa. Tamén haberá paraugas nos servizos públicos, dependencias administrativas, centros de ensino, bibliotecas, Centro de Saúde, Fórum Carballo, Pazo da Cultura e a feira. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, considera un acerto empregar “un elemento colectivo tan identitario como é o paraugas” para poñer en marcha esta campaña e desexa que “detrás de nós veñan outros moitos concellos”. Os interesados e interesadas poden descargar o cartel anunciador da campaña en pdf máis abaixo nesta mesma nova.

8 de abril de 2015 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.