Caballero critica que a Xunta se acorde agora da coordinación entre aeroportos porque ve o despegue de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou que a Xunta “agora se acorda” da necesidade de que haxa coordinación entre os aeroportos galegos, cando se decatou do “despegue” do aeroporto de Vigo e do interese das compañías por operar en Peinador, “que é onde están os tráficos”.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico reprochou ao goberno galego que apele á coordinación facendo gala dun “descaro político” que “se supera a si mesmo”. “Agora os conselleiros din que a coordinación é imprescindible. ¿Por que non coordinaban antes, cando Santiago e A Coruña recibían axudas?”, ironizou Caballero.

O alcalde recordou que, nas reunións do chamado comité de coordinación, “se falaba de todo menos das axudas e da política desleal de Feijóo”. “E agora acórdanse da coordinación. Pois é moi doado, que lle dean a Peinador as mesmas axudas que a Santiago e A Coruña. Esa é a coordinación que nos importa”, sentenciou.

Abel Caballero esixiu ao presidente galego “que pare o ataque a Vigo” e recomendou á ministra de Fomento, Ana Pastor, “que mande estudar dende a UE as axudas do Goberno de Portugal ao aeroporto de Oporto”.

Finalmente, o alcalde apuntou que “a Xunta acende as luces de alarma”, “agora que o aeródromo vigués inicia o despegue e as compañías manifestan o seu interese”, porque “vai que a súa estratexia xa fracasou”.

6 de abril de 2015 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.