Burela será escenario do Santiago Futsal nosegundo derbi irmandiño da tempada

Rolda de prensa de Santi e Iván Rumbo
O duelo irmandiño regresa coa 28ª xornada de Liga ao Municipal de Vista Alegre (Venres, 21). Mariñaos e santiagueses veranse as caras a falta de tres xornadas para finalizar a liga, cos obxectivos para os dous equipos a priori conseguidos, pero coa ambición de situarse nos postos máis nobres da táboa e confirmarse como o mellor equipo de Galicia a nivel nacional.
E é que ambos os equipos son rivais directos na loita polo noveno e décimo posto da clasificación, xa que Burela Pescados Rubén é actualmente o noveno clasificado con 33 puntos, só 5 puntos por encima dos composteláns, que son décimo terceiros. Santiago Futsal está empatado a puntos con Montesinos Jumilla e Marfil Santa Coloma que ocupan a undécima e duodécima praza, e a só dous puntos de D-Link Zaragoza que é décimo clasificado, obxectivo do club tras conseguir a permanencia. Un total de cinco equipos cunha diferenza de cinco puntos. De conseguir a vitoria este venres na Mariña, os de Santiago aproximaríanse ao seu obxectivo da décima praza a falta de dúas xornadas para o final.
Os de Santi Valladares chegan a este encontro tras caer, nas dúas últimas xornadas, ante os dous primeiros clasificados da categoría, Inter Movistar (6-1) e FC Barcelona (1-4). En senllos partidos, os de Santiago estiveron á altura do seu rival pero a segunda parte en terras madrileñas e os desaxustes defensivos ante os cataláns castigaron ao persoal branco. Os de Santiago suman tres puntos no últimas seis xornadas, nas que conseguiu un empate no Multiusos ante Montesinos Jumilla (1-1) e unha vitoria ante Xaén Paraíso Interior (2-1) na 22ª xornada.
Pola súa banda, Burela Pescados Rubén chega a este encontro tras a súa visita á pista de Xaén Paraíso Interior onde non conseguiu puntuar (6-2), pero si o fixo nos seus dous enfrontamentos anteriores ante Uruguai Tenerife (6-1) e Prone Lugo (3-7). Tras superar a Inter Movistar no partido de cuartos de final da Copa de España (2-1) o equipo da Mariña quedou fóra dos Play Off a falta de tres xornadas para o final de Liga.
Nos encontros precedentes en Liga entre Santiago Futsal e Burela Pescados Rubén a liña de resultados foi moi clara, e é que nos dous encontros en terras lucenses o resultado foi de empate 2-2.
Para o encontro de mañá Santi Valladares ten dispoñibles a todos os xogadores, que se desprazarán a Burela mañá ás 17h.











