Bugallo sostén que só haberá cambio en Santiago se pivota sobre o PSOE
O exalcalde de Santiago e deputado autonómico socialista avalou este mércores o candidato do PSOE na capital galega, Paco Reyes, e mostrouse “convencido” de que só haberá un “cambio” na cidade se este “pivota” sobre a súa formación.
Así se pronunciou ao ser preguntado en rolda de prensa sobre a disputa aberta entre a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, e o propio Reyes en torno ao resultado electoral en Santiago. En concreto, nunha entrevista concedida á Cadena SER, a dirixente socialista mostrouse disposta a apoiar o candidato de Compostela Aberta e covoceiro nacional de Anova, Martiño Noriega, para impedir a continuidade do PP no Pazo de Raxoi. A xeito de resposta, Reyes defendeu que “non hai alternativa nin vitoria” que non pase polo PSOE.
E, despois de que o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, mediase entre ambos os dous alegando que ao seu partido “non lle acontece” o que ao PP, que “ninguén quere compartir institucións” con esta formación, Bugallo dixo que comparte “plenamente” a súa visión e a de Paco Reyes. Ambos os dous, ao seu xuízo, “inciden no mesmo”.
Neste sentido, apuntou que os socialistas estarán “abertos aos pactos que sexan positivos e conduzan ao cambio”, pero insistiu en que non cre “posible” que ese cambio se produza se “non pivota” sobre o seu partido. “Resúltanos moi difícil de crer que haxa cambio en Santiago se non pivota sobre o PSOE”, resaltou, antes de estender esta afirmación á “maior parte dos sitios”.
A liña seguida, Bugallo augurou que “sen lugar a dúbidas” o PSOE será primeira ou segunda forza en Compostela e que o PP “non vai revalidar a súa maioría absoluta”. Para reforzar estas palabras, subliñou que o seu partido está “avalado por 28 anos de goberno e pola calidade do candidato que presenta”.











